Solapas principales

O Concello de Ames está retirando o cableado da zona exterior do Pazo da Peregrina

Martes, 12 de abril de 2011

[12-04-2011] O goberno municipal está traballando co fin de promover a defensa e a conservación do patrimonio monumental e institucional mediante actuacións sobre bens de recoñecido carácter monumental ou institucional. Con ese obxectivo o Concello de Ames está executando o proxecto de retirada de cableado eléctrico e telefónico no exterior do Pazo da Peregrina. Esta actuación esta levándoa a cabo a empresa MAREI Electricidade e ten un custo de 20.344 euros, IVE incluído. Este proxecto tivo que ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Esta obra afecta a un edifico que forma parte do patrimonio inventariado do concello.

O Pazo da Peregrina é un dos edificios máis representativos do concello de Ames. Forma parte dun conxunto arquitectónico encadrado nun grande espazo axardinado. Componse dunha capela na que se realizaban misas parroquiais ata hai pouco tempo e de dous edificios auxiliares que se empregan como dependencias municipais. Nun destes edificios están situadas as oficinas da Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico mentres que no outro expóñense distintas mostras de pintura, escultura e outro tipo de artes. Tamén hai un patio central que está presidido por unha fonte circular.

O Pazo da Peregrina é un dos espazos onde se centraliza a maior parte da oferta cultural do Concello de Ames, ademais de servir como espazo de lecer debido a grande zona axardinada da que dispón. Este pazo tamén acolle numerosas vodas durante as fins de semana. Os seus fermosos xardíns, a súa arquitectura e a súa conservación fan do Pazo da Peregrina o lugar preferido dos e das amienses para celebrar as súas vodas. E que a súa beleza convérteo nun escenario idílico, ata o punto de que son numerosas as parellas de fóra que tamén solicitan poder celebrar o casamento no pazo.

Para mellorar a imaxe exterior desta edificación o goberno municipal acordou executar o proxecto de retirada de cableado eléctrico e telefónico no exterior do conxunto patrimonial do Pazo da Peregrina. Mediante este proxecto vanse eliminar as liñas eléctricas, cableados, caixas, etc. da instalación eléctrica, tanto nas acometidas como no subministro de alumeado exterior. Tamén se actuará sobre os cables da instalación de telefonía, que se atopan colocados na zona exterior desta edificación.

As obras que se están levando a cabo comprenden a substitución da liña aérea por unha acometida soterrada, para o cal hai que facer unha gabia dende a arqueta da compañía que terá que salvar o muro de peche da finca e chegar ata a caixa de protección e medida do sistema eléctrico. Para elo hai que instalar unha nova caixa de protección e medida e un cadro eléctrico coas proteccións axeitadas a cada liñas de electricidade.

Tamén hai que substituír o cableado aéreo do alumeado exterior do edificio principal do Pazo por unha liña de alimentación que irá pegada a fachada dos edificios. Para subministrar alimentación a todos os farois que hai nos xardíns farase unha canalización soterrada dos cables.

En canto á instalación de telefonía preténdense cambiar os cables que agora mesmo están instalados mediante unha liña aérea por unha acometida soterrada. Nesta actuación tamén se contempla soterrar as caixas terminais. Este proxecto tivo que ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura. Estas obras contan cun orzamento de 20.344 euros, IVE incluído.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Una partida de 20.500 euros permite eliminar los cables del pazo da Peregrina"