Solapas principales

A técnica que supervisou o proxecto do Fondo Galego de Cooperación en Haití visita Ames

Viernes, 25 de febrero de 2011

[25-02-2011] A técnica que viaxou a Haití para supervisar a andaina do proxecto impulsado polo Fondo Galego e o Fons Català de Cooperación visita Ames o vindeiro luns 28 de febreiro para dar conta dos avances en terreo. Victòria Planas manterá unha xuntanza en Baiona coa Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e pola tarde impartirá unha conferencia no local do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, na rúa Figueiras, a partir das 20:00 horas. Ames é un dos Concellos asociados ao Fondo que realizaron as súas achegas á conta de emerxencia aberta tras o devastador terremoto de xaneiro de 2010.

As doazóns das administracións socias e dalgúns cidadáns a título individual ascenderon a 160.000 euros, que se destinaron ao proxecto conxunto co Fons Català. A iniciativa estase a executar nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, na fronteira nordeste coa República Dominicana. Entre outros aspectos, promove a formación para a construción de vivendas resistentes aos terremotos con materiais tradicionais, e o fomento de capacidades municipais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza.

A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català, Victòria Planas, estará en Galicia para dar conta dos primeiros pasos desta iniciativa denominada ‘Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’, contribuíndo así a garantir a transparencia dos investimentos. Ofrecerá tamén un testemuño de primeira man sobre a dramática situación que vive a poboación haitiana, agravada por mor da epidemia de cólera. As intervencións de post-emerxencia na illa caribeña están nestes intres moi marcadas pola inestabilidade política e a todos os niveis.

Na misión de seguimento, asinouse o convenio de colaboración co Centro para Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK). O rol deste parceiro é crucial para afrontar a crise sen deslexitimar os actores locais, pois defende a descentralización, a equidade e o fortalecemento institucional, traballando en coordinación cos municipios do nordeste. A súa participación canda as autoridades municipais no proceso de construción de cidadanía e fortalecemento institucional é clave, perante o polémico papel dos actores estatais políticos e militares, que non están a garantir a xestión de crise aguda que sofre o país.

Ademais de manter encontros moi participativos coas entidades locais implicadas, que permitiron axustar o proxecto á realidade actual, Victòria Planas reuniuse na súa viaxe con representantes de distintos ministerios, da AECID e do programa ART-GOLD das Nacións Unidas. A maiores desta recente visita ao Haití, xa está en marcha unha avaliación intermedia do proxecto promovido polo Fondo Galego e o Fons Catalá. Posteriormente, realizarase unha avaliación final para comprobar o cumprimento dos obxectivos fixados. Ao remate, unha auditoría externa verificará tamén a correcta xestión dos recursos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a complementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.