Solapas principales

Xa se coñecen os premiados do VIII Certame Literario Concello de Ames

Sábado, 14 de mayo de 2011

[14-05-2011] A oitava edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía xa ten os seus gañadores. O xurado, composto por Armando Requeixo Cuba, Mariña Pérez Rei, Carlos Negro Romero e Rosa Moreiras Cuñarro, reuniuse o pasado mércores, 11 de maio, para decidir os gañadores do concurso. Arredor de 150 traballos presentáronse para participar nesta edición do certame. A entrega de premios terá lugar o día 17 de maio, día das Letras Galegas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas.

O Certame Literario Concello de Ames converteuse nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, este concurso está facendo canteira cos novos creadores e creadoras que repiten cada ano presentando os seus proxectos e conseguindo os premios polo valor das súas obras. Supón para eles unha boa oportunidade para darse a coñecer e por en práctica a súa imaxinación.

Houbo un aumento destacable en participación xa que este ano recibíronse arredor de 150 traballos, tanto de persoas que residen no Concello como de persoas de fóra debido a importancia que foi adquirindo o certame nestas últimas edicións. Ao igual que en anos anteriores, en cada modalidade houbo tres categorías, tendo en conta a idade, e cada una delas está dotada con tres premios.

Narrativa
Na primeira categoría de narrativa, para rapaces de ata 13 anos, o primeiro premio recaeu na obra "Cun cubrir e pechar de ollos" de Marta Redondo Porto. O segundo premio caeu nas mans de Carmela Vieites Figueiras có título "Don Pepe vía teléfono". O terceiro premio foi para a obra "O elfo Martiño" de Julia Ramos Freire.

Na segunda categoría de narrativa, dirixida a persoas de entre 14 e 18 anos, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo coa obra "Zume con cabezas". O segundo premio foi para Lara Porto Mato coa obra "Porcións" e o terceiro para Beatriz Pérez Lista co título "Relato dunha adolescente pechada".

Na terceira e última categoría desta modalidade, dirixida aos maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para Xesús Manuel Valcárcel coa peza "Selección de persoal". A segunda posición acadouna Lois Pérez Díaz co traballo "O voto da escultora" e o terceiro premio foi para "Proxeccións" de María Xosé Ónega Folgueira.

Poesía
Na modalidade de poesía os premios tamén se repartiron en tres categorías diferenciadas polas idades dos participantes. A primeira categoría, onde a idade máxima é de 13 anos, o primeiro posto foi para Marcela Porto Mato coa obra "17". O segundo premio foi para Marta Redondo Porto coa peza "O meu lugar especial" e no terceiro posto quedou Claudia Johanna Quintáns co seu traballo "Estrelas".

Na segunda categoría, que acolle os participantes dos 14 aos 18 anos, o primeiro premio foi para Ismael Ramos Castelo coa peza "Da vez que fomos poetas". No segundo posto quedou Alexandra González Padín co traballo "Infindo" e o terceiro premio acadouno Lara Porto Mato co título "Mare".

Na terceira categoría que abrangueu a todas as persoas maiores de 18 anos o primeiro premio foi para a obra "Desexo" de Natalia Alonso Ramos. O segundo premio foi para Cruz Martínez Vilas coa peza "Atraídos por un choque de feromonas" e o terceiro premio recaeu no traballo de Xosé Daniel Costas Currás con "Amantes de Maínzo".

O xurado do certame estivo formado por catro membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura e por unha secretaria en representación do Concello de Ames. Os membros de dito xurado foron Armando Requeixo Cuba, crítico literario, Mariña Pérez Rei, escritora e filóloga galega e Carlos Negro Romero, escritor e poeta. Exerceu de secretaria Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de Normalización Lingüística.

Repártense tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que son de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría; 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda; e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira. Os premios entregaranse o 17 de maio, ás 18:00 horas, nun acto público, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.