[23-06-2011] Ames ten un orzamento do exercicio 2011, prorrogado dende o 2010, completamente esgotado a día de hoxe. O actual goberno municipal amiense está a comprobar o difícil que é a situación económica do concello. Dos primeiros estudos en materia económica que fixo o goberno de Santiago Amor despréndese que en tódolos servizos municipais existen facturas derivadas de gastos sen autorización previa que non poden ser tramitadas por falta de crédito. Ante a falta de crédito o goberno municipal veuse na obriga de suspender o festival Millarock. Aínda así, mantense o premio de 1.000 euros para o gañador do certame.
O despilfarro do anterior goberno socialista puxo en perigo os lúdicos, as escolas de verán, o alumeado de nadal etc. Ao goberno de Amor non lle queda outra alternativa que suspender este ano o Millarock, que ten unha dotación con cargo ás arcas municipais en torno a 8.000 euros. Santiago Amor considera que para salvagardar e mellorar os servizos básicos a única saída posible é establecer prioridades e aforrar onde sexa posible.
O feito de suspender o Millarock non é unha decisión sinxela, e dende o goberno municipal entenden que non lle gustará a todo o mundo, pero para Amor "é preciso facer un gasto responsable debido á delicada situación económica do concello", "moitos cidadáns se apertan o cinto nestes tempos de crise, e saben e comprenden o que é ter que decidir en que gastar o diñeiro, pois eu estou na mesma situación" explica o alcalde.
Os candidatos que presentaron a súa maqueta ao certame do Millarock optaban a un primeiro premio dunha cuantía de 1.000 euros que sí se mantén.
Nos próximos días o goberno de Ames informará con cifras concretas e contrastadas de cal é a situación real do concello e aportará medidas co fin de paliar esta situación e intentar mellorala de cara ó futuro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El presupuesto 2011 de Ames está ya agotado y Amor cancela el Millarock"
La Voz de Galicia: "El Concello suspende el festival Millarock, cuyo coste era de ocho mil euros"




