- Tipo
- Tematica
A Aula da Natureza vén de presentar a nova programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro, organizarán diferentes actividades relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller cogomelos, unha ruta teatralizada, unha saída e exposición de herbas medicinais, obradoiros de cociña con alimentos propios desta estación e a quinta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Cogomelos de Ames
No mes de outubro tamén comezarán as tradicionais saídas de identificación e recolección de cogomelos, un dos alimentos protagonistas do outono. O obxectivo destas xornadas é difundir o curioso mundo dos fungos, ademais de amosar e descubrir as paisaxes do noso concello.
En total, realizaranse tres saídas didácticas por diferentes recunchos de Ames, todas en horario de 10.00 a 14.00 horas. A primeira delas será o vindeiro domingo 5 de outubro, mentres que a segunda xornada terá lugar o domingo 19 de outubro. A derradeira saída será xa no mes de novembro, o domingo día 30.
Trátase dunha actividade familiar que está dirixida a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición para participar nestas actividades xa está aberta. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitadas aos participantes.





