Solapas principales

>Gala dos Premios Lingua e Empresa 2023

Jueves, 9 noviembre, 2023
Ás 20.30 horas

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementouse en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o xoves, 9 de novembro, ás 20.30h. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Os premios Lingua e Empresa naceron co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Así, ao longo das súas cinco edicións foron recoñecidas e premiadas numerosas empresas do municipio que contribuíron ao emprego e difusión da lingua galega tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela.

As empresas gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa o vindeiro xoves, 9 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Amenizará a gala a intervención e a actuación de Manolo Maseda e Xurxo Souto.

Esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega e servir como recoñecemento e como espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente a lingua na súa comunicación. Ademais, no seu transcurso desvelarase cales son as empresas que o xurado recoñeceu nesta edición e entregaranse os correspondentes premios.