- Tematica
'O teu discurso é a túa marca. Atrévete a comunicar con impacto' é a denominación do curso que está dirixido a calquera tipo de empresa que teña a súa sede ou un centro de actividade no Concello de Ames e que queira adquirir claves para mellorar a súa comunicación. Terán preferencia as empresas participantes en calquera das edicións dos premios Lingua e Empresa.
O curso desenvolverase o martes, 18 de novembro, desde as 19.00 ás 21.00 horas, no espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro (rúa das Hedras, número 2). Será impartido por Fátima Rodríguez (experta en recursos humanos e consultora de estratexia, membro do coworking A Proa).
Contidos do curso:
-Que é un elevator pitch e porque é clave na túa carreira.
-Como conectar coa túa audiencia.
-Como crear unha mensaxe clara. Auténtica e memorable.
-Comunicación asertiva e presenza profesional.
-Exercicios prácticos e feedback inmediato (IBI/WWW).
-Como adaptar o discurso ao público e ao contexto.
O prazo para anotarse remata mañá xoves, 13 de novembro, ás 14.00 horas. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario de inscrición.
O 21 de novembro remata o prazo para presentarse aos premios Lingua e Empresa
O Concello de Ames puxo en marcha por oitavo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presentan a súa candidatura ata o 21 de novembro.
Os premios divídense, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período. A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.
O prazo de presentación de candidaturas remata o día 21 de novembro de 2025 ás 14:00 horas. As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo normalizacion@concellodeames.gal.





