Solapas principales

Quedan prazas dispoñibles para participar no obradoiro de animais de tobeiras organizado pola Aula da Natureza para este sábado

Jueves, 23 febrero, 2023
A Aula da Natureza ofrece este sábado, 25 de febreiro, un obradoiro de interpretación de animais que viven nas tobeiras, no que se explicará como as fan e canto lles duran. Ademais, os participantes poderán dar un pequeno paseo de recoñecemento. O taller está pensado para crianzas de entre 6 e 14 anos, e desenvolverase nas instalacións da Aula da Natureza en horario de 11:00 a 13:30 horas. Haberá servizo de autobús de balde dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 10:30 horas) e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ás 10:45 horas). As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Este sábado, 25 de febreiro, na Aula da Natureza coñeceremos a forma de vida dos animais que fan tobeiras e viven en maior ou menor medida baixo terra. Veranse catro exemplos deste animais.

-A toupa. Ten unha vida practicamente subterránea con toupeiras moi evolucionadas, con cámaras de cría, galerías permanentes e outras de alimentación, que poden chegar a medir 10 quilómetros.

-O teixugo. Normalmente viven varios teixugos na mesma tobeira que pode ter unhas dimensións de ata 2 quilómetros cadrados. Os teixugos teñen máis vida exterior que as toupas, pero aínda así, están moito tempo baixo terra.

-O raposo. No extremo oposto está o raposo que só constrúe tobeiras na época de cría, pasando o resto do tempo descansado en pequenas covachas.

-O coello. Os outros grandes escavadores subterráneos son os coellos. Falarase do traballo que é preciso facer para manter unha coelleira.

Os rapaces farán maquetas dos diferentes tipos de tobeiras e despois no exterior poderán ver os buratos das toupas e mailas bocas de entrada das tobeiras do teixugo e do raposo.

Multimedia