Actualidad

Por ejemplo, 19-08-2026
Por ejemplo, 19-08-2026
Jueves, 27 de febrero de 2025
O Milladoiro acollerá este domingo o desfile e concurso de disfraces do Entroido en Ames

O Concello de Ames e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organizan este domingo, 2 de marzo, o concurso e desfile de Entroido de Ames, que se celebrará no Milladoiro. A saída será ás 17.00 horas desde o aparcamento da Casa da Cultura. En total, entre todas as categorías, repartiranse 2.400 euros en premios. Hai máis de 200 persoas inscritas para o desfile deste domingo. Por outra banda, o luns, 3 de marzo, terá lugar o concurso de disfraces infantil en Bertamiráns. Os nenos e nenas que queiran participar, teñen a posibilidade de inscribirse o propio día do concurso. Pódese consultar as bases do concurso e desfile de disfraces deste domingo na seguinte ligazón.

Jueves, 27 de febrero de 2025
O IES do Milladoiro celebra o seu Entroido Intercultural cunha viaxe gastronómica polo mundo

Mañá venres 28 de febreiro, o IES do Milladoiro transformarase nun contedor de convivencia positiva e diversidade cultural coa celebración do seu Entroido Intercultural. Esta iniciativa lúdico-educativa ten como obxectivo poñer en valor a riqueza intercultural do centro, onde convive alumnado de 20 nacionalidades diferentes, e fomentar unha convivencia positiva entre toda a comunidade educativa.

Jueves, 27 de febrero de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Canta, buguina, canta!” do programa Apego

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades neste vindeiro mes de marzo, desta volta coa sesión de narración oral “Canta, buguina, canta!” de Marta Ortiz. A actividade terá lugar o vindeiro venres  7 de marzo, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de febreiro, ata o 6 de marzo. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Miércoles, 26 de febrero de 2025
O Pleno debaterá a aprobación dos anteproxectos de construción do complexo deportivo do Milladoiro e de mellora do centro deportivo da Telleira

Este xoves, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación dos anteproxectos técnicos, tanto do novo complexo deportivo do Milladoiro como para a mellora da piscina municipal A Telleira de Bertamiráns. Tamén se vai abordar o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a; a sétima rectificación do inventario municipal; a resolución de recursos de reposición presentados fronte ao acordo plenario de resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da RPT; a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na casa; a aprobación do convenio do proxecto Compostela Rupestre; e o inicio do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Ademais abordaranse tres mocións sobre a situación da Escola Infantil Merlín, a celebración do ano Castelao 2025 en Ames; e a mellora da seguridade viaria da AC-544. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Miércoles, 26 de febrero de 2025
Tres atletas do club de atletismo MillaRaio clasifícanse para os campionatos de España

Durante a vindeira fin de semana, o sábado 1 e o domingo 2 de marzo, tres atletas do club de atletismo MillaRaio van competir nos campionatos de España. Puri Cariñena e David López van participar no campionato de España Máster que se vai celebrar en Antequera, mentres que Nuno Castro acudirá a Valencia ao campionato de España sub18 para participar na proba de heptatlón, proba na que se proclamou campión galego hai un mes.

Martes, 25 de febrero de 2025
Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinan un manifesto para solicitar a ampliación da zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón

Os alcaldes dos Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinaron esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un manifesto reclamando a constitución dunha mesa de traballo entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible e os Concellos afectados directamente polas tarifas da AP-9, que teña como obxectivo final a gratuidade da mesma. Paralelamente, solicítanlle ao Ministerio que realice un estudo e determine un calendario para unha liberalización en fases da AP-9; e que se analice a posibilidade de ampliar a zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón, facilitando o enlace gratuíto da AP-9 e a AG-11.

Martes, 25 de febrero de 2025
O Pleno aproba o plan de actuación integrado “Conecta Ames” para concorrer á nova convocatoria dos fondos FEDER

O Pleno aprobou por maioría absoluta este martes, 25 de febreiro, o plan de actuación integrado “Conecta Ames” co que o Concello se vai presentar á nova convocatoria dos fondos FEDER, no marco do desenvolvemento urbano sustentable (coñecidas como EDIL). Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. As/os edís do BNG e Espazo Común abstivéronse. O prazo para a presentación de proxectos remata este venres 28 de febreiro. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

Martes, 25 de febrero de 2025
Ames homenaxea a Rosalía de Castro nunha gala protagonizada polo alumnado dos centros educativos

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 24 de febreiro,  unha gran festa rosaliana, o evento central das actividades organizadas polo concello para conmemorar o mes da autora. A Gala Rosalía, que contou cunha gran participación da veciñanza e do alumnado dos centros educativos de Ames, puxo en valor a figura da escritora e a súa vinculación co concello. Canda a veciñanza de Ames, na gala participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e María López Sández, membro tamén da dita fundación.  O acto  pechouse cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro que remataron cantando o tema “No bico un cantar” con boa parte do alumnado presente con eles no escenario. Pódese acceder á galería completa de imaxes na seguinte ligazón.

Lunes, 24 de febrero de 2025
Os Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira insisten na vía municipalista para acadar a gratuidade da AP-9 e destacan a importancia do tramo Padrón-Santiago

Os Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinarán mañá, martes 25 de febreiro, ás 13.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un documento reclamando a constitución dunha mesa de traballo entre o Ministerio e os Concellos para traballar na liberalización paulatina da AP-9. Paralelamente, reclaman que se teña en conta o tramo Padrón-Santiago dada a súa importancia para unir o Barbanza con Santiago e expulsar os vehículos das vías secundarias para facilitar que os núcleos urbanos e vilas se humanicen e recuperen o espazo para as persoas.

Lunes, 24 de febrero de 2025
Jorge Puig e Nerea Castro, gañadores absolutos do VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Na xornada de onte, domingo 23 de febreiro, celebrouse a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que este ano se superaron amplamente as cifras de participación de edicións anteriores con 672 persoas inscritas. En canto aos gañadores, a primeira en cruzar a liña de meta na categoría absoluta feminina do trail longo foi Nerea Castro, cun tempo de 01:35:26, mentres que o primeiro posto na categoría masculina foi para Jorge Puig, que finalizou cunha marca de 01:17:23. Como novidade deste ano, a proba incluía o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, traendo a algúns dos mellores deportistas nesta disciplina. Eloy Martínez, participando como independente, acadou a vitoria na categoría masculina desta modalidade e, pola súa banda, Emma Méndez, de Atlética Lucense, conseguiu o primeiro posto na categoría feminina. Nos resultados por equipos, o Club Atletismo Cambados volveu a alzarse coa vitoria. Pódense consultar os resultados completos da proba na seguinte ligazón e acceder á galería completa de imaxes nesta outra ligazón.