Actualidad

Por ejemplo, 07-08-2026
Por ejemplo, 07-08-2026
Lunes, 24 de febrero de 2025
Jorge Puig e Nerea Castro, gañadores absolutos do VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Na xornada de onte, domingo 23 de febreiro, celebrouse a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que este ano se superaron amplamente as cifras de participación de edicións anteriores con 672 persoas inscritas. En canto aos gañadores, a primeira en cruzar a liña de meta na categoría absoluta feminina do trail longo foi Nerea Castro, cun tempo de 01:35:26, mentres que o primeiro posto na categoría masculina foi para Jorge Puig, que finalizou cunha marca de 01:17:23. Como novidade deste ano, a proba incluía o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, traendo a algúns dos mellores deportistas nesta disciplina. Eloy Martínez, participando como independente, acadou a vitoria na categoría masculina desta modalidade e, pola súa banda, Emma Méndez, de Atlética Lucense, conseguiu o primeiro posto na categoría feminina. Nos resultados por equipos, o Club Atletismo Cambados volveu a alzarse coa vitoria. Pódense consultar os resultados completos da proba na seguinte ligazón e acceder á galería completa de imaxes nesta outra ligazón.

Lunes, 24 de febrero de 2025
50 persoas participaron na excursión literaria “Viaxando con Rosalía”

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 22 de febreiro, unha nova edición da excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, a través da cal se visitaron algúns dos lugares máis emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión literaria, na que participaron cincuenta persoas, estivo guiada pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

Domingo, 23 de febrero de 2025
A Aula CeMIT impartirá novas formacións para os vindeiros meses de marzo e abril

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames organiza novos cursos de formación para os vindeiros meses de marzo e abril. Serán tres cursos para adultos: “Follas de cálculo con LibreOffice Calc”, “Iniciación ás redes sociais” e “Sácalle partido ao teu teléfono móbil!”. Así mesmo, tamén organizan un curso de scartch dirixido para menores de idade, que se desenvolverá en Semana Santa. A inscrición para calquera dos cursos pode facerse chamando ao 682 373 753, escribindo un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou de forma presencial nas propias instalacións da aula CeMIT en Bertamiráns.

Sábado, 22 de febrero de 2025
Murais rosalianos, obradoiros, excursións, andainas e unha gala poético-musical para enxalzar a figura de Rosalía de Castro

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Turismo, está desenvolvendo unha programación específica para conmemorar o mes de Rosalía, que se celebra cada ano o 23 de febreiro. Fernando Yáñez realizou unha intervención artística nas rúas de Ames pintando catro elementos de mobiliario público coa silueta de Rosalía e tamén cuns versos da autora. Ademais, o luns 24, ás 19.00 horas, celebrarase unha gala poético-musical na Casa da Cultura de Bertamiráns, na que participará o alumnado dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria. Pódese consultar a programación completa premendo nesta ligazón.

Sábado, 22 de febrero de 2025
Pablo Cariñena e  Breixo Otero, do club de atletismo MillaRaio, gañan a medalla de bronce en lanzamento de disco nas categorías sub20 e sub16

Este mes de febreiro celebráronse os campionatos galegos de marcha en ruta e de lanzamentos longos de inverno das categorías sub16 e sub20 nos que participaron varios atletas do club de atletismo MillaRaio. Cómpre destacar a actuación de Pablo Cariñena e Breixo Otero, que gañaron a medalla de bronce en lanzamento de disco nas categorías sub20 e sub16.

Sábado, 22 de febrero de 2025
O club Ames Atletismo Savante logra seis medallas nos campionatos galegos de marcha en ruta e de lanzamento longos

O club Ames Atletismo Savante participou durante este mes de febreiro en dous campionatos galegos cun excelente resultado para os seus atletas. O domingo 9 de febreiro acudiron 7 atletas ao campionato galego de marcha en ruta celebrado na Pobra do Caramiñal onde todos fixeron marca persoal e lograron 5 medallas, mentres que o sábado 8 de febreiro participaron 4 atletas no campionato galego de lanzamentos longos sub 18/20, onde conseguiron 1 medalla máis. En total, lograron 6 medallas nestes dous campionatos.

Viernes, 21 de febrero de 2025
Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames

O Goberno municipal realizou esta semana varias xuntanzas con técnicos municipais, grupos políticos e asociacións municipais, para presentarlles o Plan Conecta Ames que se vai presentar á nova convocatoria dos fondos FEDER, para plans de actuación integrados das entidades locais no marco do desenvolvemento urbano sustentable (coñecidas como EDIL). O prazo para a presentación de proxectos remata o vindeiro venres 28 de febreiro. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030. A aprobación do Plan Conecta Ames debaterase o vindeiro martes, 25 de febreiro, nun pleno extraordinario que poderá seguirse a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Viernes, 21 de febrero de 2025
Aberto o prazo para a participación das agrupacións musicais non profesionais de Ames nas festas populares ou actividades de dinamización sociocultural de 2025

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, informa de que ata o 6 de marzo estará aberto o prazo para que as agrupacións musicais non profesionais do concello de Ames participen nas festas populares ou actividades orientadas á dinamización sociocultural de 2025. Posteriormente, os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritas poderán ser solicitadas por asociación e comisións de festas municipais dentro da convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2025. A través desta iniciativa búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada o labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. En 2025 a contía total desta liña de axudas ascenderá a 24.000 euros. Premendo nesta ligazón podes consultar as bases da convocatoria.

Viernes, 21 de febrero de 2025
Máis de 650 persoas participarán na VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre deste domingo

Este domingo celebrarase a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e, de novo, volveu a bater o récord de inscricións do ano anterior. En total participarán 672 persoas; 258 no trail longo, 203 no trail curto, 171 na andaina e 40 persoas inscritas para o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic. A proba, organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, dará comezo ás 10.00 horas desde A Ponte Maceira. Os participantes poderán recoller os seus dorsais a partir das 08.15 horas nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro. Pódese consultar o regulamento da proba na seguinte ligazón.

Jueves, 20 de febrero de 2025
O Concello de Ames volve a reiterarlle á Consellería de Sanidade a necesidade de ampliación do centro de saúde de Bertamiráns

O alcalde de Ames, Blas García, vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, instándoo a cumprir co acordado na xuntanza do pasado mes de outubro, para que realice unha visita o antes posible ao centro de saúde de Bertamiráns, coa finalidade de que poida ver cos seus propios ollos as condicións nas que ten que traballar o persoal sanitario do centro e, por conseguinte, a atención de baixa calidade que recibe a veciñanza de Ames e dos concellos limítrofes. Segundo indica o rexedor municipal é prioritario trazar conxuntamente un plan calendarizado de mellora e ampliación das instalacións e do servizo de atención primaria.