Actualidad

Por ejemplo, 18-07-2026
Por ejemplo, 18-07-2026
Lunes, 17 de marzo de 2025
Diego Álvarez e Tamara Seijas gañan a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025 que se disputou en Ames

O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 16 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025. Foi a novena ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición chagaron á liña de meta 249 ciclistas, que deron dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 66 quilómetros. Preme nesta ligazón para ver a galería de fotos da Transgalaica.

Lunes, 17 de marzo de 2025
O auditorio do Milladoiro acolle este xoves a estrea do espectáculo de danza “Dance Join” de Marta Alonso

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas para este 2025, desta volta coa estrea do espectáculo de danza e clown “Dance Join”, de Marta Alonso. A actuación terá lugar este xoves, 20 de marzo, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. A ocupación ata o momento é do 21% das butacas dispoñibles. Aínda se poden adquirir entradas para asistir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Lunes, 17 de marzo de 2025
O programa Trouleando organiza unha xornada no Ecoparque de Marín no mes de abril para a mocidade amesá

A Concellaría de Mocidade continúa coas actividades desta nova edición do programa Trouleando. Desta vez, os mozos e mozas de Ames poderán gozar o vindeiro 5 de abril dunha divertida xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín. A actividade é de balde e está dirixida para a mocidade nada entre 2012 e 1995. O prazo para inscribirse comeza este mércores, día 19, e estará aberto ata o vindeiro domingo, día 23. Para participar, é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. Hai 50 prazas dispoñibles e adxudicaranse pola orde de chegada das solicitudes. Podes descargar a ficha de inscrición da actividade na seguinte ligazón.

Domingo, 16 de marzo de 2025
O Enreguéifate anima a regueifeiras e regueifeiros a participar no seu certame ata o 20 de marzo

O proxecto Enreguéifate ultima os preparativos para clausurar esta oitava edición co certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 20 de marzo de 2025. Para anotarse é preciso enviar un ou máis vídeos, cunha duración máxima de 3 minutos, nos que aparezan cando menos 2 persoas regueifando sobre un tema libre. As bases completas poden consultarse na páxina web do certame, a través da cal tamén pode facerse a inscrición. Os servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral galega.

Sábado, 15 de marzo de 2025
Plántanse 180 árbores frondosas en Cruxeiras a través da sétima fase do plan municipal de prevención de incendios forestais

O alcalde de Ames, Blas  García, e mailo concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, acompañados do persoal do departamento de Medio Ambiente, visitaron esta semana o ámbito 34 de Cruxeiras, onde se actuou en 27.294,36 metros cadrados correspondentes a 25 fincas e nas que se plantaron 180 árbores frondosas (castiñeiros, carballos, cerdeiras, noceiras e bidueiros). A adhesión ao plan implica que durante o inverno de 2025 estas parcelas serán novamente rozadas con cargo a dito plan e logo deberán ser mantidas polos/as propietarios/as. As persoas con parcelas no ámbito de Cruxeiras aínda poden presentar a correspondente solicitude para adherirse ao plan 2025-2026. Ademais, no pleno ordinario de marzo debaterase a continuidade do plan municipal de prevención de incendios forestais ata 2029.

Viernes, 14 de marzo de 2025
Máis de 200 persoas participaron na quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou este venres pola tarde a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrou na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos obstáculos que se instalaron no circuíto. Máis de 200 participantes tiveron que completar un percorrido de 600 metros e 9 obstáculos.

Viernes, 14 de marzo de 2025
Imaxe de arquivo dun padexeiro do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre

O Concello de Ames informa sobre a apertura da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2024 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar onte, 13 de marzo; polo que estará aberto ata o vindeiro sábado 12 de abril. Pódese consultar as bases da convocatoria na seguinte ligazón.

Viernes, 14 de marzo de 2025
Imaxe de arquivo correspondente á proba da Transgalaica en Ames no 2023

O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2025. Este domingo, 16 de marzo, será a novena ocasión na que o concello acolla este evento deportivo, unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica), conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces, facendo así en total unha proba de 64 quilómetros. Na proba están inscritos un total de 301 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

Jueves, 13 de marzo de 2025
O IES do Milladoiro acolle unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro

O pasado martes, 11 de marzo, ás 16:30 horas, o IES do Milladoiro acolleu unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro. Este encontro, baixo o lema Restaurando a Rede, pretende ser un espazo de reflexión e celebración do traballo desenvolvido ao longo desta década, ademais de sentar as bases para sementar o futuro.

Jueves, 13 de marzo de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de debuxo colaborativo incluído no programa Apego

No mes de marzo o programa Apego continúa a súa programación de propostas para as crianzas amesás. Desta volta, cun obradoiro de debuxo colaborativo impartido por As Seibas Espazo Educativo, que terá lugar o vindeiro venres 21 de marzo, ás 18.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 13 de marzo, ata o vindeiro xoves día 20. Para participar, é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.