Actualidad

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, pódese consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

O programa do Apego segue a ofrecer unha ampla oferta de actividades para as crianzas amesás ao longo deste vindeiro mes de abril. Desta volta, co espectáculo musical “O cuco veu por acá e marchou por alá” da compañía Percubebés, formada por Marcelo Dobode e Bea Martínez, que se desenvolverá o venres 4 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 3. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Ames conmemora o Día Mundial do Teatro coa publicación dun vídeo que protagonizan os rapaces e rapazas que integran a Escola Municipal de Teatro. A través deste vídeo, no que se conta a historia dunha misteriosa maleta, queren compartir a súa paixón pola escena e desexarlle a toda a veciñanza un día cheo de arte, emoción e moita maxia teatral. Actualmente estase desenvolvendo a programación cultural do primeiro semestre de 2025, que inclúe trece espectáculos de teatro, danza e circo e que se representan de xaneiro a maio.

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas municipais, presentou esta mañá unha programación específica co gallo da celebración do Mes do Libro. Ao longo do mes de abril haberá contacontos, obradoiros, encontros literarios, teatro infantil, actividades do programa Apego, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, un concurso de debuxo infantil, un concerto de Lydia Botana, e a presentación do libro antolóxico cos textos premiados no XXI Certame literario. Ademais, organízase a IV campaña Superlectores/as que se vai desenvolver do 1 de abril ao 24 de outubro nas bibliotecas de Ames. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa.

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza a segunda edición do seu ciclo de xornadas sobre saúde «Abril, mes da saúde en Bugallido». O programa consta de catro xornadas nas que se achegarán diferentes temas e aspectos relacionados co ámbito da saúde á veciñanza. A primeira destas xornadas celebrarase mañá xoves, día 27, coa realización dun obradoiro de primeiros auxilios. Este obradoiro dá dereito a certificación e, ademais, require de inscrición previa, que se pode realizar na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa programación do Ames Cultural 2025. Nesta ocasión, o auditorio de Bertamiráns acollerá este venres, ás 20.30 horas, a representación de “As Desterradas”, de Producións Teatrais Excéntricas. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Este xoves, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do crédito extraordinario 1/2025 financiado con baixas por anulacións; a derrogación da ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos; a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, prorrogado para 2025, sobre as subvencións nominativas para o exercicio 2025; a modificación do expediente de gasto do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Ames e a UTE “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU); a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais mediante a plantación de frondosas; a aprobación inicial da quinta modificación puntual do regulamento orgánico municipal; e a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Ademais abordarase unha moción, presentada polo grupo municipal popular de Ames, con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

A vindeira semana comezará unha nova edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que nace co obxectivo de achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. Desta volta haberá tres sesións de cine, a primeira delas terá lugar o xoves 3 de abril, coa proxección do filme “Prefiro condenarme”, dirixida por Margarita Ledo. A segunda das proxeccións realizarase o xoves 10 de abril, con “Filmei paxaros voando”, dirixida por Zeltia Outeiriño. Por último, o martes 22 terá lugar unha noite de curtas, onde a veciñanza poderá gozar de catro curtametraxes diferentes. Todas as sesións do ciclo de cine se realizarán no auditorio do Milladoiro ás 20.00 horas e haberá unha presentación previa e un coloquio tras as proxeccións coas directoras e directores dos filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Tres deportistas do club amesán TKDenodo, David Noya Platas, Breixo Lestón Cives e Jorge Nogueiras Rivero, participaron no campionato de España (categorías cadete e júnior) como parte da selección galega de taekwondo. Dito campionato celebrouse os días 15 e 16 de marzo en Tarragona. Os tres deportistas tiveron unha participación destacada. Breixo Lestón e David Noya acadaron o quinto posto, quedando a un paso de acadar medalla. Ademais, estes tres taekwondistas foron convocados pola selección galega para participar no Open de España os días 25 e 26 de abril.

Un ano máis, o Concello de Ames presenta a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través deste programa ofértanse 440 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes repartidos por diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades desenvolveranse dende o 25 e xuño ata o 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 1 ao 12 de abril. As inscricións poderanse tramitar a través da Sede electrónica, no catálogo de trámites: Campamentos 2025. Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
- ‹ anterior
- 116 de 692
- siguiente ›




