Actualidad

Por ejemplo, 23-06-2025
Por ejemplo, 23-06-2025
Viernes, 26 de mayo de 2023
Cartaz do Gran Premio Concello de Ames

O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza o vindeiro domingo, 4 de xuño, unha das probas de supercross da Galicia League. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012. Nesta proba que se desenvolverá no circuíto SX Alex de Moure, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. 

Martes, 25 de abril de 2023
Cartaz do minitorneo "Tenis na rúa"

Este sábado, 29 de abril, celebrarase nas pistas de tenis de Aldea Nova un torneo gratuíto de minitenis, “Tenis na rúa”, dirixido a nenos e nenas a partir dos 3 anos. O torneo comezará ás 16:00 horas. A actividade é gratuíta, e para participar é necesario inscribirse previamente premendo nesta ligazón. 

Jueves, 13 de abril de 2023
Imaxe dos participantes no acto de presentación da segunda carreira de orientación

O Concello de Ames e a entidade Xesta Natureza presentaron esta mañá a segunda edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns este sábado, 15 de abril. A iniciativa volve a ser posta en marcha polo departamento de Deportes tralo éxito acadado o pasado ano. Para esta segunda proba hai xa 175 persoas inscritas, e todos/as os/as que desexen anotarse poderán facelo ata as 23:59 horas do día de hoxe, premendo nesta ligazón. No acto de presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico de dito departamento, Alberto Viaño; e Ricardo Figueroa, en representación de Xesta Natureza.

Martes, 04 de abril de 2023
Cartaz da segunda carreira de orientación

A Concellaría de Deportes, a través de Xesta Natureza, organiza para o vindeiro sábado, 15 de abril, ás 17.00 horas, a segunda edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns. Haberá tres categorías distintas: Xestiñas (categoría para nenos/as), Xestas (categoría para adultos) e Xesteiras (categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación). Poderase participar de xeito individual ou en grupo (máximo de 4 participantes por equipo). As inscricións son de balde e pódense facer premendo nesta ligazón. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com

Lunes, 03 de abril de 2023
Imaxe dos gañadores no podio, acompañados por representantes da Corporación municipal

Onte domingo 2 de abril celebrouse a cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que se inscribiron 341 persoas. A primeira en cruzar a meta na categoría absoluta feminina foi Bea Barroso, do Club Atletismo Noia, cun tempo de 1:30:00, mentres que o primeiro posto masculino foi para Manuel Piñeiro, do Club Atletismo Cambados Seguros Noval, que obtivo unha marca de 1:11:42. Pola súa banda, o club gañador foi o C.A. Cambados – Seguros Noval, que colocou seis corredores no top 30 e que repite a vitoria de 2022. Consulta os resultados ao completo premendo nesta ligazón.

Viernes, 24 de marzo de 2023
Imaxe da presentación do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

A cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello dende A Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 2 de abril. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil. Unhas 160 persoas xa se inscribiron nun evento que agarda bater o récord de participación de todas as edicións organizadas. Para participar, cómpre inscribirse en carreirasgalegas.com ou en emesports.es, ata o 29 de marzo ás 23:59 horas. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Lunes, 13 de marzo de 2023
Imaxe da Transgalaica Ames 2023 (foto de Toño Villar)

O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2023. Foi a sétima ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición inscribíronse 296 ciclistas que tiñan que percorrer unha distancia de 64,31 quilómetros. Finalizaron a proba 232 ciclistas e houbo 38 abandonos. Ademais, 26 dos ciclistas inscritos non se presentaron. Preme nesta ligazón para ver a galería de fotos da Transgalaica.

Viernes, 10 de marzo de 2023
Cartaz Transgalaica Ames 2023

O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizan un ano máis unha das probas do circuíto Transgalaica en territorio amesán. Esta é a sétima proba do circuíto Transgalaica que se organiza en Ames. Así, este domingo 12 de marzo o municipio amesán acollerá a segunda proba do circuíto Transgalaica 2023, que partirá do Pazo da Peregrina ás 9.30h e percorrerá distintos puntos da xeografía do concello. Na proba participarán un total de 286 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

Miércoles, 08 de marzo de 2023
Cartaz do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a IV edición do “Trail e Andaina Ribeiras do Tambre”, que se desenvolverá o vindeiro domingo 2 de abril. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira. Cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. Para participar é necesario inscribirse a través de emesports.es. O prazo remata o 29 de marzo ás 23:59 horas. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil. 

Martes, 07 de marzo de 2023
Cartaz Transgalaica Ames 2023

O concello de Ames volve acoller este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2023. Será a sétima ocasión na que o concello celebre este evento deportivo, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 33 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 8 de marzo, ás 23:59 horas. Ata este momento hai inscritos 205 ciclistas. As inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.