Actualidad

Por ejemplo, 20-06-2025
Por ejemplo, 20-06-2025
Lunes, 18 de marzo de 2024
Apolonia Bermúdez e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do V Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Onte domingo 17 de marzo celebrouse a quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que se inscribiron 522 persoas. A primeira en cruzar a meta na categoría absoluta feminina no trail longo foi Apolonia Bermúdez, cun tempo de 1:41:15, mentres que o primeiro posto masculino neste trail foi para Manuel Piñeiro, do Club Atletismo Cambados Seguros Noval, que obtivo unha marca de 1:12:04. Pola súa banda, o club gañador foi o C.A. Cambados – Seguros Noval, que repite a vitoria de 2023. Nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes da competición.

Viernes, 15 de marzo de 2024
Máis de 500 persoas participarán no V Trail e Andaina Ribeiras do Tambre este domingo

A quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre celébrase este domingo 17 de marzo, cunha participación que bateu o récord de todas as edicións anteriores. En total 522 persoas, con 362 dorsais na modalidade trail e 160 entradas para a andaina.  O evento, organizado polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, arrincará dende Ponte Maceira ás 10:00 horas. Os dorsais poderán recollerse a partir das 8:15 horas nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Viernes, 15 de marzo de 2024
A escola de karate Dokkodo consegue sete medallas no Campionato Galego Infantil

Esta pasada fin de semana celebrouse en O Barco de Valdeorras o Campionato Galego Infantil, organizado pola Federación Galega de Karate. Nesta cita, a escola amesá Dokkodo presentouse con seis deportistas que conseguiron volver a casa con sete medallas.

Lunes, 11 de marzo de 2024
Raquel Román gaña a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024 que se disputou en Ames

O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 10 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024. Foi a oitava ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición inscribíronse 321 ciclistas, que tiñan que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64,55 quilómetros, e que contou cun desnivel de 1.501 metros. Preme nesta ligazón para ver a galería de fotos da Transgalaica.

Viernes, 08 de marzo de 2024
Máis de 300 ciclistas participarán este domingo en Ames na segunda proba da Transgalaica 2024

O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizan, un ano máis, unha das probas do circuíto Transgalaica en territorio amesán. Esta é a oitava proba do circuíto Transgalaica que se organiza en Ames. Así, este domingo 10 de marzo o concello acollerá a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024, que partirá do Pazo da Peregrina ás 9.30h e percorrerá distintos puntos da xeografía amesá. Na proba participarán un total de 321 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

Martes, 05 de marzo de 2024
Ames acolle esta fin de semana a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024

O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2024. Este domingo, 10 de marzo, será a oitava ocasión na que o concello celebre este evento deportivo, unha das citas máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 6 de marzo, ás 23:59 horas. Ata este momento hai inscritos 206 ciclistas. As inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.

Miércoles, 21 de febrero de 2024
Seis alumnos da escola de karate Dokkodo participaron no Campionato Galego de Clubes

Esta pasada fin de semana celebrouse en Chantada o Campionato Galego de Clubes, organizado pola Federación Galega de Karate. Nesta cita,  a escola amesá Dokkodo presentou un equipo alevín na modalidade de kata e outro na de kumite. Así mesmo, cedeu dous deportistas para que formaran parte de dous equipos do clube Akai Ryu de Negreira.

Martes, 20 de febrero de 2024
Preséntase o V Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que este ano busca bater o récord de inscricións

A quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello desde A Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 17 de marzo. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá na Casa do Concello, en Bertamiráns. Contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil. Desde a organización do evento agardan chegar ás 400 inscricións, o que suporía bater o récord de participación de todas as edicións organizadas. A inscrición está aberta nesta ligazón ata o vindeiro 14 de marzo, ás 23:59 horas. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Viernes, 16 de febrero de 2024
Aberto o prazo de inscrición para participar na IV edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o 17 de marzo

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a V edición do “Trail e Andaina Ribeiras do Tambre”, que se desenvolverá o vindeiro domingo 17 de marzo. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira; cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. Para participar é necesario inscribirse a través desta ligazón. O prazo remata o 14 de marzo ás 23:59 horas. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

Lunes, 23 de octubre de 2023
Podio da XXII Carreira pedestre popular Concello de Ames

O concello de Ames acolleu onte unha nova edición da carreira pedestre popular que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Na proba absoluta o gañador foi Mehdi El Nabaoui, do club Oriente Atletismo, cun tempo de 30.16, e Nouhaila El Gazouir, do club deportivo Arzúa, cun tempo de 33.47. Esta proba pertence ao ao IX Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Premendo nesta ligazón podes consultar as clasificacións da carreira pedestre.