Actualidad

A Concellería de Deportes, a través de Xesta Natureza, organizou este domingo, 5 de maio, a terceira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolveu na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns a partir das 11:00 horas. O evento, no que se inscribiron 278 participantes, contou con tres categorías de menor a maior dificultade (“Xestiñas”, “Xestas” e “Xesteiras”), nas que puideron participar deportistas de todos os niveis e idades. Premendo nesta ligazón pódese consultar a clasificación da carreira.

Esta fin de semana celebrouse en Guadalajara o Campionato de España de Karate Infantil, no que competiron dous deportistas da escola amesá despois de ser seleccionados para representar a Galicia.

Esta mañá presentouse no paseo fluvial de Bertamiráns a terceira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que terá lugar no casco urbano de Bertamiráns o vindeiro domingo, 5 de maio, a partir das 11:00 horas. Esta actividade foi organizada polo departamento de Deportes en colaboración coa entidade Xesta Natureza. Xa hai máis de 100 persoas inscritas, e todos/as os/as que desexen anotarse poderán facelo ata as 23:59 horas do mércores 1 de maio premendo nesta ligazón.

A pasada fin de semana celebrouse en Cedeira a terceira xornada da Liga galega de karate. Nesta cita, a escola amesá Dokkodo acudiu con nove deportistas, sendo para algúns deles o seu debut en competición oficial.

A trixésimo oitava edición do Rally Berberecho de Noia tivo un treito que se disputou de forma íntegra por estradas do concello de Ames. Os pilotos fixeron unha dobre pasada polo tramo de Ames. A primeira pasada comezou arredor das 16.50 e a segunda ás 19.40 horas, sendo o último tramo do rally. Ademais, o parque de reagrupamento estivo situado na avenida José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, de 17:15 a 19:30 horas. Un gran número de afeccionados puideron gozar desta proba automobilística que puntúa para o campionato galego de rallys.

A edición deste ano do Rally Berberecho de Noia terá un treito que se disputará de forma íntegra por estradas do noso concello. Será en horario de tarde e haberá un reagrupamento, de 17:15 a 19:30 horas, na avenida José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, polo que pasarán todos os participantes. O tramo de Ames ten unha lonxitude de 11,2 quilómetros e discorre polas parroquias de Ames, Lens e Tapia. A saída do tramo estará instalada no lugar de Outeiro, mentres que a liña de meta será na estrada que vai dende a aldea de A Mámoa cara o lugar de Pedrouzos. Os pilotos farán unha dobre pasada polo tramo de Ames. A primeira pasada comezará ás 16.50 e a segunda ás 19.40 horas, sendo o último tramo do rally. O final do rally está previsto para as 20.20 horas. As estradas polas que discorre o treito de Ames estarán pechadas ao tráfico de 15.30 a 22.30 horas aproximadamente. Consulta o itinerario do tramo de Ames.

O club de Taekwondo TKDenodo organiza, coa colaboración do Concello de Ames e por delegación da Federación Galega de Taekwondo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o campionato provincial en idade escolar das modalidades técnica e freestyle de Taekwondo. O torneo terá lugar o sábado, 13 de abril, no polideportivo do Milladoiro a partir das 9.00 horas. Participan rapaces e rapazas de 6 a 16 anos do programa Xogade. Esta proba clasificará para o campionato galego, que terá lugar o vindeiro sábado, 27 de abril, en Vigo.

Onte, domingo 24 de marzo, celebrouse a primeira edición do Trofeo de Marcha en Ruta, unha proba na que se inscribiron 104 deportistas. Na categoría absoluta feminina a primeira en cruzar a liña de meta foi Icía Ares, cunha marca de 28:01, mentres a primeira posición en categoría masculina absoluta foi para Juan Manuel Morales, que conseguiu un tempo de 22:51. Nesta proba participaron 14 atletas de clubes amesás: sete do Millaraio, e sete do Ames Atletismo. Nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes da competición.

A localidade do Milladoiro acolle este domingo, 24 de marzo, a primeira edición do Trofeo de Marcha Atlética en ruta, que puntúa para o Circuíto Galego de Marcha Atlética 2024. Para participar nesta proba deportiva inscribíronse un total de 108 atletas dos cales 107 están admitidos/as. Poden participar atletas con licenza en vigor pola Federación Galega de Atletismo. Na inscrición son válidas as marcas realizadas nas tempadas 2023 e 2024. Haberá seis probas distintas tendo en conta a categoría dos/as participantes (sub 12 masculina; sub 12 feminina; sub 10; sub 14; sub 16; e absoluta). Premendo nesta ligazón podes acceder ao regulamento da proba.

A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da primeira edición do Trofeo de Marcha Atlética en ruta, que puntúa para o Circuíto Galego de Marcha Atlética 2024. Poderán intervir atletas con licenza en vigor pola Federación Galega de Atletismo. As inscricións realizaranse a través do sistema en liña da RFEA ata as 20:00 horas deste luns 18 de marzo. A poucas hora do pecha da inscrición hai preto de 100 atletas inscritos/as. Na inscrición serán válidas as marcas realizadas nas tempadas 2023 e 2024.
- ‹ anterior
- 5 de 11
- siguiente ›