Actualidad

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames organiza para este mes de novembro unha nova actividade do programa Trouleando. Nesta ocasión proponse unha saída a un centro de ocio escape room para desfrutar de dous xogos cheos de retos. Será o sábado 26 de novembro, e haberá servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os interesados en participar poden inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal adxuntando a seguinte ficha de inscrición debidamente cumprimentada entre o 14 e o 17 de novembro. As prazas para participar son limitadas, e asignaranse por orde de chegada.

O departamento de Xuventude, que non contaba cunha imaxe propia, presenta a marca XA! Xuventude Ames. Trátase dunha nova imaxe corporativa que conecta coa xuventude de Ames. Para acadar ese obxectivo, partiuse dun cambio de naming, co que se establece un xogo de palabras que deu pé a deseñar todo o universo de marca. Deste xeito, confórmase unha identidade actual, flexible e dinámica, adaptable a todas as necesidades comunicativas da marca. Trátase dunha renovación onde adquire protagonismo a xuventude, as cores, a frescura, os novos modos de comunicarnos, unha imaxe renovada, moderna, actual e fresca.

Dende onte, 25 de outubro, e ata as 12:00 horas da xornada de mañá, xoves 27 de outubro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego. Nesta terceira edición participaron no concurso máis de 200 mozas e mozos.

Tras un breve descanso no verán, a Concellaría de Mocidade propón neste mes de outubro unha nova actividade do programa Trouleando, desta volta cunha saída a Vedra, onde se xogará a laser tag e se realizará un pequeno tramo en caiac polo río Ulla. Será na mañá do sábado 22 de outubro, con servizo de autobús dende Bertamiráns e o Milladoiro. As persoas interesadas poden inscribirse enviando esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 11 e o venres 14 de outubro. As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, volve por terceiro ano consecutivo co mesmo gallo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. A rapazada a partir dos 13 anos poderá participar cos seus vídeos en galego ata o 21 de outubro, enviando a súa creación audiovisual e esta ficha de participación ao enderezo electrónico galetiktokers22@gmail.com. Neste senso, a contía dos premios triplícase con respecto ao ano pasado, con seis galardóns de 300 euros que se repartirán nunha gala o sábado 5 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do III Certame Galetiktokers.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, e maila técnica municipal de mocidade, Pili Villaverde, visitaron a semana pasada as instalacións dos campamentos de Paisaxe II (O Grove) e praia América (Nigrán), onde 122 mozos e mozas de Ames gozan duns días de sol e actividades. Nos dous campamentos desfrutaron de piscina e de veladas nocturnas, xogos na praia, olimpíadas, actividades náuticas, etc. Estas actividades enmárcanse dentro da programación de campamentos de verán que organiza o Concello de Ames durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Este sábado, 9 de xullo, realizarase, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. A festa arrancará ás 18:30 cunha Holi Party, trátase dun espectáculo participativo no que lanzarán 150 quilos de po de cores ao ritmo marcado polos DJ´s Dumore e Enter. Despois da festa, ás 22.30 horas, tomará o relevo Boyanka Kostova, considerados os pioneiros do trap en galego. Para asistir ao festival haberá servizo de buses dende o Milladoiro e Bertamiráns co obxectivo de que a mocidade poida acudir e volver á Holi Party e ao concerto sen necesidade de utilizar vehículo propio.

O sábado 9 de xullo realizarase, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. A festa arrancará ás 18:30 cunha Holi Party, trátase dun espectáculo participativo no que lanzarán 150 quilos de po de cores ao ritmo marcado polos DJ´s Dumore e Enter. Despois da festa tomará o relevo Boyanka Kostova, considerados os pioneiros do trap en galego. Para asistir haberá servizo de buses dende O Milladoiro e Bertamiráns tanto para acudir como para volver á Holi Party e ao concerto.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, mantivo unha xuntanza cos/as usuarios/as que empregan o local de ensaio da Factoría, co obxectivo de escoitar as súas proposta no referente a mellorar o servizo e máis este local que se emprega para o ensaio musical. Na actualidade, hai 13 grupos que están facendo uso destas instalacións. Os estilos musicais dos grupos que están usando estas instalacións son variados xa que van dende a música tradicional, o pop rock, o blues, o swing/jazz, etc. A través deste servizo trátase de contribuír a impulsar e fomentar a creación musical. No mes de xullo abrirase o prazo para a renovación do servizo.

A Concellaría de Mocidade, a través do programa Trouleando, propón para o martes, 28 de xuño, unha refrescante xornada no aquapark de Cerceda. As prazas para participar nesta actividade esgotáronse no mesmo día en que abriu o prazo de inscrición.
- ‹ anterior
- 9 de 16
- siguiente ›




