Solapas principales

O certame Galetiktokers celebra a súa terceira edición con 1.800 euros en premios

Lunes, 26 de septiembre de 2022

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, volve por terceiro ano consecutivo co mesmo gallo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. A rapazada a partir dos 13 anos poderá participar cos seus vídeos en galego ata o 21 de outubro, enviando a súa creación audiovisual e esta ficha de participación ao enderezo electrónico galetiktokers22@gmail.com. Neste senso, a contía dos premios triplícase con respecto ao ano pasado, con seis galardóns de 300 euros que se repartirán nunha gala o sábado 5 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do III Certame Galetiktokers.

Por terceiro ano, os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames retoman o certame Galetiktokers, unha oportunidade para que a mocidade se sume á creación de novos formatos co galego como marca de identidade. As súas pezas audiovisuais, creadas seguindo o estilo da rede social TikTok, optan este ano a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios.

Esta mañá o anfiteatro do Milladoiro, un dos puntos de encontro máis frecuentados pola mocidade da vila, acolleu a presentación da terceira edición do certame Galetiktokers. Ao acto asistiron a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; Rosa Moreiras e Pili Villaverde, técnicas dos departamentos de Normalización Lingüística e da OMIX; Paula Chaves, coñecida artisticamente como Pauliña, que presentará a gala de entrega de premios, e persoal da empresa de comunicación Xurdir.

“Queremos achegarnos á mocidade nun dos formatos que lles resulta máis interesante. As redes sociais son unha das formas principais de comunicarse dos mozos e mozas e polo tanto buscamos xuntar as dúas cuestións: as redes sociais e a comunicación co fomento da lingua galega”, sinalou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, que animou á mocidade a participar. “Todo será ben recibido, que deixen a vergoña metida nun caixón e que nos acheguen esas creacións co talento que caracteriza ás mozas e mozos de Ames, e por suposto, ás de todo o país”.

No mesmo senso pronunciouse a artista Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña. “Convídovos a participar a todos os que fagades contido en galego, xa sexa cómico, a prol da lingua, ou o que queirades. Todo vale mentres esteades etiquetadas no Instagram da OMIX de Ames, onde se levará a cabo a votación dos vídeos, que deben durar entre 15 e 60 segundos. Isto é para divulgar un pouquiño a nosa lingua, para que o contido sexa fresco e que a mocidade se aproxime máis ás tecnoloxías dende o noso idioma”.

Categorías, premios e xurado

No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Ao igual que na anterior edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

Como novidade, o certame repartirá seis premios de 300 euros. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo “gústame” nos vídeos subidos ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames). Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.

Características e condicións dos vídeos

Os vídeos creados para o III Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok ou da sección Reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Inscrición, prazos e votación do público

Para participar no certame, cómpre enviar ao enderezo electrónico galetiktokers22@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 21 de outubro de 2022. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11:00 horas do 25 de outubro ás 11:00 horas do 27 de outubro. Neste período contabilizaranse os “gústame” nas publicacións no perfil de Instagram da OMIX de Ames, do que fará falta ser seguidor ou seguidora para votar.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.

Xornadas de formación nos centros de ensino secundario

Como actividade complementaria da celebración do certame, realizaranse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co fin de explicar ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e facer unha tormenta de ideas para impulsar a creatividade entre a mocidade.

Este mesmo luns 26 foi a quenda do alumnado do IES de Ames, en Bertamiráns, mentres que a mocidade do IES do Milladoiro poderá gozar desta actividade o vindeiro 4 de outubro.

Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do III Certame Galetiktokers.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Triplican os premios amesáns para os mellores Galetiktokers do país"

Quincemil: "Ames (A Coruña) abre una nueva edición del concurso Galetiktokers, con premios de 1.800 euros"

O certame Galetiktokers celebra a súa terceira edición con 1.800 euros en premios

Multimedia

  • Cartaz do III Certame Galetiktokers
  • O certame Galetiktokers celebra a súa terceira edición con 1.800 euros en premios
  • Bases do III Certame Galetiktokers
  • Xornada de formación no IES de Ames
  • Xornada de formación no IES de Ames
  • Xornada de formación no IES de Ames
  • Xornada de formación no IES de Ames