Actualidad

O pasado 15 de xullo abriuse un novo prazo para que os grupos musicais de Ames que estivesen interesados puideran solicitar a reserva do local municipal A Factoría. Despois de preto de 6 meses xa solicitaron as instalacións máis dunha ducia de grupos que dispoñen de ata 3 horas diarias para ensaio. O horario de ensaio é de luns a domingo, en horario de 10.00 a 22.00 horas. Durante o período de Nadal, A Factoría estivo pechada ao público para executar varias mellora do local, co obxectivo de que sexa máis acolledor para os usuarios/as. Efectuáronse melloras en canto ao illamento e insonorización. Despois de executar ditas mellora o local volve abrir as súas portas este mércores 12 de xaneiro.

Entre abril e novembro de 2021, a Concellaría de Mocidade de Ames puxo en marcha sete propostas de ocio saudable baixo o programa Trouleando, do que están “moi satisfeitas coa súa acollida”, segundo a concelleira Escarlata Pampín. Unha media dunhas 40 mozas e mozos sumáronse mensualmente a estas actividades, ofertadas unha fin de semana ao mes como alternativa de ocio participativo, igualitario e saudable. Ademais, este ano contaron coa opinión directa da mocidade, que puido mostrar os seus gustos persoais a través dunha enquisa nas redes sociais da OMIX de Ames.

A Concellaría de Mocidade organiza unha xornada de deporte e cultura urbana no parque de Lapido, en Bertamiráns, aproveitando as recentes melloras realizadas no recinto grazas aos orzamentos participativos de Mocidade e ao investimento da Concellaría de Deportes. Habilitaranse diferentes módulos para realizar skate e parkour, e practicarase slackline e calistenia no seu circuíto de exercicios do parque, inaugurado en xuño de 2020 xunto a outro similar no Milladoiro. As actividades terán lugar o mércores 22 de decembro, o primeiro día de vacacións de Nadal para a mocidade, das 15:00 ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar aforos.

A Concellaría de Mocidade organiza un novo concerto de música en directo. Desta volta, a cargo do grupo galego Los Jinetes del Trópico. Será este sábado, 18 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A banda presentará ao público amesá temas do seu disco debut, “Cabalgando pola ría”, no que mesturan ritmos tropicais con música latinoamericana, como o reggaeton ou a cumbia. As entradas son de balde. Tan só hai que entrar na Billeteira electrónica do Concello e retirar o convite.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este xoves 16 de decembro, ás 20:00 horas, a gala de entrega de premios do certame Galetiktokers, unha iniciativa da Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística que volve por segundo ano para fomentar a creatividade da xente moza e a creación de novos formatos en galego. O evento será conducido polas influencers e presentadoras Fátima Pego e Lucía Rodríguez, e contará coa intervención das integrantes do xurado, Gabi G e Leti da Taberna, así como coa música de DJ Son1c e da propia Fátima Pego. Os convites, de balde, xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Concellaría de Mocidade organiza unha sesión de música en directo do grupo galego Los Jinetes del Trópico, que terá lugar o vindeiro sábado 18 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A banda presentará ao público amesá temas do seu disco debut, “Cabalgando pola ría”, no que mesturan ritmos tropicais con música latinoamericana, como o reggaeton ou a cumbia. Xa se poden reservar os convites a través da billeteira electrónica do Concello de Ames.

Dende este martes 23 ata o 30 de novembro ás 23:59 horas, o público poderá escoller ás persoas gañadoras dos dous premios do público de 150 euros que se reparten nesta segunda edición de Galetiktokers. Para votar, cómpre seguir ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames) e premer “gústame” nos 21 tiktoks candidatos, que se subirán a esa mesma conta. Os vídeos con máis “gústame” das dúas categorías de idade (dos 13 aos 16 anos e dos 17 en diante) levarán os galardóns do público. A entrega de premios terá lugar o 16 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
![O programa [con]sentido pecha itinerario cun videoforum con motivo do 25N O programa [con]sentido pecha itinerario cun videoforum con motivo do 25N](https://www.concellodeames.gal/sites/default/files/styles/medium/public/noticias/imagenes/2021/11/cartaz_videoforum.png?itok=dhtKozF6)
Co gallo da celebración do día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, a Concellaría de Mocidade conclúe o programa [con]sentido coa proxección do documental “Volar”, e cun debate aproveitando o propio material audiovisual. Será o 26 de novembro, de 19:00 a 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas, de balde, xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.

Gravar un vídeo onde teña presenza o galego e subilo a Tik Tok este é o único que ten que facer a rapazada para participar no Galetiktokers. Son dous sinxelos pasos para acadar os obxectivos da segunda edición do certame que van dende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas ata darlle visibilidade á crecente comunidade galega na rede social TikTok. Nesta edición poderá participar rapazada a partir dos 13 anos de calquera parte do mundo, enviando o seu vídeo e esta ficha de participación ao enderezo electrónico galetiktokers21@gmail.com. Entre os participantes repartiranse catro premios de 150 euros nunha gala que se celebrará o 16 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado 27 de novembro unha nova actividade do programa Trouleando. Será unha xornada de xogos de escapismo que conxuga diversión, aventura en equipo e moito misterio. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 11 ao 17 de novembro. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta a omix@concellodeames.gal. As prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
- ‹ anterior
- 11 de 16
- siguiente ›




