Actualidad

Por ejemplo, 11-08-2026
Por ejemplo, 11-08-2026
Sábado, 11 de octubre de 2025
Remata o obradoiro de acollemento lingüístico, un espazo de aprendizaxe e intercambio cultural

Este pasado xoves, 9 de outubro, rematou o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento” que se desenvolveu en Bertamiráns durante case un mes. Nesta ocasión, participaron un total de 14 persoas procedentes de diferentes lugares que, ao longo destas semanas, crearon un espazo de convivencia e intercambio cultural, ademais de aprendizaxe da lingua e cultura galegas. Por outra banda, o vindeiro luns, 13 de outubro, dará comezo a quenda deste mesmo obradoiro na localidade do Milladoiro, no que participarán un total de 20 persoas. 

Miércoles, 08 de octubre de 2025
Convócase un curso de Introdución á lingua e cultura galegas en colaboración coa Xunta de Galicia

Desde hoxe está aberto o prazo de inscrición para o curso de Introdución á lingua e literatura galegas que convoca o Concello de Ames en colaboración coa Xunta de Galicia, dirixido a persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas co obxectivo de impulsar o uso do galego e aproximar a veciñanza ao noso idioma, así como favorecer a cohesión e a integración social. Este curso de 20 horas impartirase no Pazo da Peregrina do 15 ao 30 de outubro de luns a xoves, con sesións de dúas horas e en horario de tarde, das 16:00h ás 18:00h. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, chamando por teléfono ao número 662 377 215 ou a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.

Jueves, 02 de octubre de 2025
Aberto o prazo de inscrición para o concerto da Banda dos Insectos do venres 10 de outubro

O programa Apego continúa coa súa programación para as crianzas nestes meses de outono. Desta volta, o venres 10 de outubro, ás 18.00 horas, haberá un concerto no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a cargo da Banda dos Insectos. Chegan ao programa Apego Ames para presentar un proxecto de música rock que pretende familiarizar a rapazada cos valores cooperativos e co deporte. Esta proposta é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde o 2 ata o 9 de outubro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Miércoles, 01 de octubre de 2025
Máis de 200 persoas xúntanse na Carballeira de Ventín para participar nas “Brincadeiras miúdas” do programa Apego

A Carballeira de Ventín acolleu este pasado martes, 30 de setembro, unha nova xornada das Brincadeiras Miúdas, nas que os nenos e nenas xunto coas súas familias, puideron gozar de música, baile, xogos tradicionais e creación de xoguetes. Esta edición das Brincadeiras Miúdas xuntou a máis de 200 persoas, que gozaron nun concerto de Cé Orquestra Pantasma e participaron en xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais.

Jueves, 25 de septiembre de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para a actividade do programa Apego “Onde nace a lingua” de Marta Ortiz

O programa Apego continúa coa súa programación para as crianzas nestes meses de outono. Desta volta, organizan a actividade “Onde nace a lingua” de Marta Ortiz, un espectáculo de contos, adiviñas, xogos e música onde os máis pequenos poderán asentar as súas competencias lingüísticas dun xeito lúdico e participativo. Terá lugar ás 18.00 horas, o vindeiro venres 3 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta proposta é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 25 de setembro, ata o vindeiro día 2 de outubro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Domingo, 21 de septiembre de 2025
No obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns participan persoas procedentes de sete nacionalidades

O pasado luns, 15 de setembro, comezou o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, que se desenvolve na localidade de Bertamiráns ata o vindeiro 8 de outubro. Nesta ocasión, participan catorce persoas de diferentes lugares co obxectivo de achegarse á cultura e lingua galega. Esta iniciativa, na que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, tamén se realizará no Milladoiro do 13 de outubro ata o 5 de novembro. A inscrición para participar na quenda do Milladoiro segue aberta e aínda quedan prazas libres. Pódese facer de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. 

Miércoles, 17 de septiembre de 2025
Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en todas as redes sociais

Youtubeiras+, o proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, acada xa a súa novena edición e, desta volta, incorpora varias cambios nos seus galardóns. A principal novidade deste ano é que poderá presentarse ao concurso calquera creación de contidos en galego de calquera rede social e en todo tipo de formatos. Repartiranse en total 7.500€ entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 16 de novembro ás 23.59 horas. 

Jueves, 11 de septiembre de 2025
Os concellos de Alingua interésanse pola extensión do proxecto para a promoción do idioma na infancia Modo galego, actívao!

A Real Academia Galega e Alingua celebran esta mañá en Rois un encontro para coñecer polo miúdo o proxecto de promoción do idioma na infancia Modo galego, actívao! de cara á súa posible implantación en concellos que conforman esta asociación de entidades locais pola normalización lingüística. Os municipios coñecerán os detalles do programa de investigación e acción que o Concello de Ames e a Real Academia Galega desenvolven dende 2021. A proposta é singular tanto pola variedade e o número de axentes implicados, xa que inclúe propostas para máis de 2.500 alumnos e alumnas dos centros públicos amesáns, as súas familias, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de educación; coma por combinar a posta en práctica de accións para a dinamización da lingua coa súa posterior avaliación por parte da RAG.

Jueves, 04 de septiembre de 2025
Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, incluída no programa Apego

O programa Apego comeza a súa programación habitual para as crianzas amesás neste mes de setembro. Desta volta, organizan a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, un concerto con melodías e ritmos propios do noso folclore que terá lugar ás 18.00 horas, o venres 12, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Esta actividade é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 4 de setembro, ata o vindeiro día 11. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Martes, 02 de septiembre de 2025
O outono chega a Ames con moito Apego

Música de diferentes estilos, xogos, contos, teatro, baile, xogo libre, obradoiros, maxia, cine, arrolos, creatividade, imaxinación, natureza... O Concello de Ames presenta unha ampla e variada programación con Apego para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2025. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos e propostas creativas ás familias para facilitarlles a transmisión da lingua e favorecer unha crianza positiva e con moito apego polo noso. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada unha das actividades premendo nesta ligazón.