Actualidad

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado xoves, 22 de decembro, a Gala de entrega de premios do VIII certame de fotografía comercial do parque empresarial do Milladoiro. O acto estivo presentado por Sole Felloza e contou con música en vivo do pianista Gerson Tineo. Durante a Gala proxectáronse todas as fotografías participantes, tanto da categoría xuvenil como da absoluta. En representación do Goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, e maila concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.

O Concello de Ames acollerá esta semana, dentro da programación do Nadal 2022, unha serie de obradoiros de creacións artesanais, os “talleres e xogos do mundo”, nos que se traballará con elementos típicos de Nadal. Celebraranse o mércores 28, o xoves 29 e o venres 30, nas prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, e da Maía, en Bertamiráns. A programación de Nadal ao completo pódese consultar premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames presentou onte o concerto solidario de Nadal que terá lugar o vindeiro mércores, 28 de decembro, na praza de Manuel Murguía. O recital, no que participará o violinista amesán Anxo Gómez Piñeiro, ten como obxectivo a recadación de fondos a prol da Asociación Gallega de la enfermedad de Dent, Art for Dent, que busca dar visibilidade a dita doenza e impulsar a súa investigación. A entrada para o concerto é gratuíta. A asociación Art for Dent disporá dun posto para vender diverso material (camisetas, etc.) co obxectivo de recadar fondos.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza para o vindeiro sábado, 31 de decembro, a segunda edición das Prebaladas de fin de ano, unha actividade que se enmarca dentro da programación do Nadal 2022 de Ames. O evento, que presentará Loli Gómez, desenvolverase na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 11:00 horas. Entre os asistentes repartiranse bolsas con cotillón, chicharróns e arandos, e para os máis pequenos haberá tamén lambetadas sen glute e batidos. Ademais, actuarán os/as gañadores/as do concurso Canta con Ames 2021 e 2022.

A programación de Nadal 2022 do Concello de Ames continúa esta semana coa chegada de Papá Noel, que estará no Milladoiro este venres, 23 de decembro, e en Bertamiráns o sábado, día 24. As visitas realizaranse de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas en ambas localidades, e os nenos e nenas que se acheguen a coñecer a Papá Noel poderán sacar unha foto con el e levarán para a casa un agasallo.

As actividades da programación de Nadal continúan este xoves, 22 de decembro, ás 20:00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns, co espectáculo “Isto é Rock” que forma parte do AmesOn de Nadal. Trátase dun espectáculo familiar sobre a historia do rock con música en vivo baseada no libro infantil “Isto é rock!” de Javier Becerra. No repertorio inclúense temas como “Waterloo” (Abba), “Satisfaction” (The Rolling Stones), “Piece Of My Heart” (Janis Joplin), “Blitzkrieg bop” (Ramones), “Bohemian Rapsody” / “We Will Rock You” (Queen) ou “Highway To Hell” (AC/DC), entre outros. A programación de Nadal ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames organizou hoxe venres, 16 de decembro, unha nova edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se desenvolveu no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contou coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. O obxectivo deste evento foi poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Durante toda a xornada participou o alumnado e profesorado dos centros de ensino amesáns de primaria e secundaria, preto de 20 empresas amesás, coworkers do centro coworking A Proa e representantes das tres universidades galegas. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes do InnovAmes.

O Concello de Ames organiza unha nova edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que terá lugar este venres, 16 de decembro, no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. O obxectivo deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Durante toda a xornada participará persoal de preto de 20 empresas amesás, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames, persoal do centro coworking a Proa e representantes das tres universidades galegas. Para dispor de máis información sobre o InnovAmes pódese consultar a páxina web do evento.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) impartirá mañá, mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, unha nova charla para tratar de entender a factura da luz. Desta volta, a actividade, que no mes de novembro xa se celebrara no Milladoiro, terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. A charla, enmarcada no acordo que manteñen o Concello de Ames e a UCGAL, busca facilitarlle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Deputación aportará 160.000 euros, o 80% do orzamento total do proxecto, mentres que o Concello de Ames achegará 40.000 euros, o 20% restante. Deste xeito, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames investirán, de xeito conxunto, 200.000 euros para a creación do ‘Ames AudioVisual LAB’, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio.
- ‹ anterior
- 16 de 49
- siguiente ›