- Tematica
O Concello de Ames acollerá esta semana, dentro da programación do Nadal 2022, unha serie de obradoiros de creacións artesanais, os “talleres e xogos do mundo”, nos que se traballará con elementos típicos de Nadal. Celebraranse o mércores 28, o xoves 29 e o venres 30, nas prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, e da Maía, en Bertamiráns. A programación de Nadal ao completo pódese consultar premendo nesta ligazón.
O programa de actividades de Nadal de Ames continúa esta semana cos “talleres e xogos do mundo”, que terán lugar os días 28, 29 e 30 de decembro, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, nas carpas instaladas nas prazas de Manuel Murguía (O Milladoiro) e da Maía (Bertamiráns). Os obradoiros son gratuítos, e para acceder tan só será necesario presentar un tícket de compra dalgún comercio ou establecemento de hostalaría local.
Desta maneira, o mércores 28 celebraranse o taller de creación de xabóns personalizados e naturais (pola mañá na praza de Manuel Murguía, e, no horario de tarde, na praza de Maía), así como o de coroas de Nadal (estará pola mañá en Bertamiráns e pola tarde no Milladoiro).
O xoves 29 terá lugar o obradoiro de creación de galletas artesanais (de 11:00 a 13:00 horas en Bertamiráns, e de 17:00 a 19:00 horas no Milladoiro), así como o de calcetíns con motivos navideños (pola mañá no Milladoiro, e pola tarde en Bertamiráns).
Para finalizar, o día 30 haberá outros dous talleres: de chuches saudables (celebrarase pola mañá na praza de Manuel Murguía e pola tarde na praza de Maía), e de creación de chaveiros (pola mañá en Bertamiráns e pola tarde no Milladoiro).
As mesmas entradas do comercio e a hostalaría local que sexan empregadas para participar nos “talleres e xogos do mundo” servirán para entrar nun sorteo de distintos bonos doados pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Os vales suman un valor de 850 euros, e poderán ser trocados nos locais asociados á propia XEA.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinalou que “dentro da programación de Nadal organizamos estes seis obradoiros lúdicos aos que se poden achegar todas as familias que o desexen presentando un tícket de compra no comercio local. Todos os que participen entrarán no sorteo de varios vales doados por XEA, que servirán para dinamizar as nosas rúas nestas datas”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Obradoiros artesanais de Nadal en Ames toda a semana"