Actualidad

O Pazo da Peregrina acolleu este mércores, 1 de marzo, ás 20.30 horas, a presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames. No acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo redactor do anteproxecto, Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo. O proxecto abordará a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade. Tamén se ordenará o espazo exterior, hoxe utilizado unicamente coma aparcamento, para poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos, buscando a máxima polivalencia para a utilización deste espazo. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo explicativo do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa que este mércores, 1 de marzo, realizarase o acto de presentación do anteproxecto do mercado municipal de Ames. Dito acto terá lugar ás 20.30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nel participarán o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo redactor do anteproxecto, Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo. A través desta actuación preténdese rehabilitar a Casa de Barbazán, en Bertamiráns, para albergar unha praza de abastos. Ao mesmo tempo crearase un espazo cuberto específico para crear un mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade. Tamén está previsto ordenar o espazo exterior, no que na actualidade está situado o aparcadoiro da Telleira, poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitaron esta mañá o Espazo Colaborativo A Proa, no Milladoiro, para presentar ás principais empresas do sector o proxecto Ames AV Lab, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais co que se pretender impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio. Ademais, no acto participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal María Lloves. Asistiron ao evento varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal así como outros/as técnicos do Concello e da Deputación.

O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, informa sobre o proceso selectivo para a selección e a contratación dun / dunha Axente Local de Innovación, funcionario/a interino, para execución de programa e creación dunha bolsa de emprego. As bases de dito proceso selectivo saíron publicadas este venres 17 de febreiro de 2023, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de inscrición en dito proceso selectivo é de 5 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOP da Coruña. Deste xeito, o prazo para a presentación de solicitudes vai dende o 18 ata o 22 de febreiro (incluído).

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este pasado luns pola tarde o acto de entrega de premios ás gañadoras e gañadores do XVII concurso de escaparates de Nadal e do I concurso de decoración de Nadal veciñal. O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e tres dos catro membros que formaron o xurado, foron os encargados de repartir os galardóns, que consistiron nuns trofeos e diplomas. En total repartíronse 6.000 euros entre os gañadores/as. No concurso de escaparates repartíronse catro premios dotados cun total de 4.000 euros (1.500 euros para o primeiro, 1.100 para o segundo, 800 para o terceiro e 600 para o cuarto), mentres que no concurso de decoración veciñal repartíronse outros catro premios de 500 euros cada un.

O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica, organizou o pasado mes de decembro unha edición máis do concurso de escaparates de Nadal, e puxo en marcha, por primeira vez, o certame de decoración de Nadal veciñal. As iniciativas tiñan como obxectivo animar a que a veciñanza colaborase na ornamentación do concello e incentivar as compras nos comercios locais. O xurado, composto por catro persoas (representantes da Oficina municipal de Voluntariado de Ames, da Aula da Natureza, de Protección Civil e da Unión de Consumidores de Galicia), elixiu xa as mellores catro propostas de ambos concursos. En total repartiranse 6.000 euros entre os gañadores. A entrega de premios realizarase o vindeiro luns, día 13 de febreiro, ás 19:30 horas, na Casa do Concello.

As instalacións do Centro Dental Macía, no Milladoiro, acolleron esta semana o acto de entrega da cuarta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. As premiadas foron Ana María Cortizo, do Milladoiro, que recibiu un teléfono móbil Samsung Galaxy A13, e Laura Paz, de Cruxeiras (parroquia de Ames), e Tamara Juncal, de Bertamiráns, que lle tocaron cadanseu vale de 100 euros gastar en comercios amesáns adheridos a XEA. Os premios foron entregados por Javier Macía e Jorge López e Beatriz López, presidente e xerente de XEA. Nesta edición participaron 44 persoas no concurso.

O espazo de cowoking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro xoves 16 de febreiro o taller “Mínima legal viable”, que versa sobre as esixencias legais coas que deben cumprir as persoas emprendedoras, que será impartido polo avogado José Sendín. Terá lugar ás 12:00 horas, no local do centro A Proa. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

As obras de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro comezaron a semana pasada. Deste xeito bota a andar un dos proxectos de maior envergadura da EDUSI Impulsa Ames, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O proxecto foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL por un importe de 1.305.453,52 euros. Preme nesta ligazón para descargar o dítico informativo de dito proxecto.

Na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, 26 de xaneiro de 2023, aprobouse o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado, do servizo para a execución e seguimento das accións do programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.
- ‹ anterior
- 14 de 49
- siguiente ›