Actualidad

Dende este martes, 1 de abril, estará aberto o prazo de solicitude de praza para o curso 2025-2026 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro). As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 15 de abril. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 16 de xuño. A documentación que hai que presentar para solicitar praza pode descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

O pasado martes, 11 de marzo, ás 16:30 horas, o IES do Milladoiro acolleu unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro. Este encontro, baixo o lema Restaurando a Rede, pretende ser un espazo de reflexión e celebración do traballo desenvolvido ao longo desta década, ademais de sentar as bases para sementar o futuro.

O Concello de Ames abre ata o 31 de marzo o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o vindeiro curso 2025-2026, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.

Mañá venres 28 de febreiro, o IES do Milladoiro transformarase nun contedor de convivencia positiva e diversidade cultural coa celebración do seu Entroido Intercultural. Esta iniciativa lúdico-educativa ten como obxectivo poñer en valor a riqueza intercultural do centro, onde convive alumnado de 20 nacionalidades diferentes, e fomentar unha convivencia positiva entre toda a comunidade educativa.

Dende este venres, 14 de febreiro, e ata o venres 28 de febreiro, estará aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Primavera Lúdica”, que se desenvolverá os días 14, 15, 16 e 21 de abril de 2025. No programa poderán participar familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou de primaria no curso 2024-2025, e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. A “Primavera Lúdica” ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

O alumnado de cuarto da ESO do IES do Milladoiro participou este venres, 24 de xaneiro, na estrea do documental “No habrá paz sin las mujeres”, producido pola periodista Patricia Simón e o fotoxornalista e activista, Alejandro Zapico. Dito alumnado xa participou o pasado venres, 10 de xaneiro, nunha foliada solidaria para Palestina, organizada na Casa da Cultura do Milladoiro, co obxectivo de recadar fondos para a ONG Paias@s en Rebeldía. Ademais, vaise organizar unha exposición de fotografías de Alejandro Zapico. A vindeira semana anunciarase o lugar e mailo día de inauguración de dita mostra.

A Xunta de Goberno Local aprobou nas últimas semanas a concesión de axudas por valor de 19.999,85 euros, para as actividades organizadas polas ANPAs dos centros educativos municipais durante o exercicio 2024, e maila concesión de 940,35 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, correspondente ao curso 2023/2024. Estas dúas liñas de axudas municipal dependen da Concellaría de Planificación e Xestión Educativa.

O Concello de Ames, en colaboración coa Deputación provincial da Coruña, vai realizar obras de mellora térmica da cuberta e fachadas da escola infantil municipal O Bosque, situada na localidade de Bertamiráns. Esta actuación ten un orzamento de 78.920,40 euros, dos cales o organismo provincial achega 52.000 euros e o Concello de Ames pon o importe restante, 26.920,40 euros. Este venres, 20 de decembro, o salón de plenos da Casa do Concello acolleu o acto de sinatura entre o alcalde de Ames, Blas García, e o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Luis Penas. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, e maila secretaria municipal.

O Concello de Ames recibiu a resolución da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, na que se lle concede unha axuda de 219.342,13 euros, para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena durante o curso 2024/2025. Deste xeito, a axuda concederase en dúas liñas: 84.000€ para gastos de mantemento das escolas infantís, e 135.342,13 euros para a gratuidade da educación infantil nas escolas municipais.

A escola infantil da Madalena, situada no Milladoiro, vén de celebrar o seu vixésimo aniversario cun concerto de Nadal. A escola infantil A Madalena é de titularidade municipal e está xestionada polo Concello. Este centro de ensino ofrece servizo a nenos e nenas que teñen unha idade comprendida entre os tres meses e os tres anos. A escola ten capacidade para 94 nenos e nenas e un cadro de persoal de 21 traballadoras: unha cociñeira, catro PSX, doce educadoras, tres mestras e unha directora.
- ‹ anterior
- 5 de 27
- siguiente ›




