Actualidad

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa comeza o luns 19 de maio e está composto por un total de sete sesións, que se desenvolverán os luns, de 17.00 a 18.30 horas, no Pazo da Peregrina. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 14 de maio e as prazas adxudicaranse por sorteo no caso de haber un número de inscricións superior ás prazas ofertadas. Para máis información sobre o curso pódese chamar ao 641 993 858. Podes obter máis información na seguinte ligazón.

A IV Carreira de orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio. A proba, desta volta, realizarase na localidade do Milladoiro, a partir das 11.00 horas. 240 persoas inscribíronse nesta actividade, que organiza a Concellaría de Deportes en colaboración con Xesta Natureza. 135 persoas inscribíronse na categoría xestiñas, 65 persoas participarán na categoría xestas, e 40 na categoría xesteiras.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do ciclo de monólogos do Concello de Ames, que se celebrará entre os vindeiros días do 22 ao 25 de maio. Este ano contarase coa participación de figuras recoñecidas como Marta Doviro, Evaristo Calvo, Federico Pérez ou Soledad Felloza que, ademais, estarán acompañadas de artistas emerxentes como José Blanco, Kari Carbone, Cata Ukelele e Matías Cubilla. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O programa Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio coa actividade “Foliada con Apego”, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 16 de maio, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 15 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2025 pode consultarse premendo nesta ligazón.

A área deportiva de Bertamiráns vai acoller o vindeiro mércores, 14 de maio, unha exhibición de medios da Garda Civil. Pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, a exhibición está dirixida ao alumnado dos centros educativos, mentres que pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, o acceso será libre para a veciñanza que queira acudir. A través desta actividade o servizo da Garda Civil ofrece unha exhibición dos seus servizos. Ao mesmo tempo faise unha recollida de alimentos non perecedoiros. Anímase a veciñanza a colaborar nesta iniciativa solidaria. Todos os produtos que se recollan serán doados a Cáritas Milladoiro e Cáritas San Xoan de Ortoño.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 9 de maio, a XVII edición da Gala do Deporte, onde se homenaxeará aos deportistas máis destacados de Ames, xunto coas diversas entidades deportivas do concello. O acto terá lugar ás 20.30 horas e, un ano máis, estará presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. A votación do público para escoller o seu deportista favorito/a está aberta ata hoxe ás 23:59, podes votar na seguinte ligazón.

O Concello de Ames presentou esta mañá a programación elaborada con motivo do Ano Castelao. Dita presentación realizouse na Casa da Cultura de Bertamiráns con motivo da exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre”. O grupo Chévere fixo unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Esta actividade enmárcase no proceso de creación da nova obra de teatro que a compañía está preparando. Trátase dun espectáculo protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que toma como punto de partida o cadro de Castelao, para falar de como se constrúen as narrativas da memoria. Trala presentación, ás 12.30 horas, as persoas maiores do obradoiro de memoria de Amessán asistiron a unha charla con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron de Chévere na que falaron sobre “A derradeira leición do mestre”.

A Xunta de Empresarios de Ames (XEA) celebrou este luns, 5 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a segunda edición dos Premios XEA, coincidindo coa presentación da súa nova páxina web e slogan “Eu son XEA”. O evento congregou a preto de cen persoas, a maioría deles socios e socias da asociación aos que tamén se uniron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e outros membros do Goberno local, así como representantes dos grupos políticos da Corporación municipal, nun acto que puxo en valor o tecido empresarial do municipio.

O pasado 24 de abril, o Centro Cultural Mahía de Bugallido acolleu a última das sesións do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido”, un ciclo de xornadas de divulgación para achegar á veciñanza diferentes aspectos relacionados co ámbito sanitario e o noso benestar. Nesta última sesión, a médica e xefa do Servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Virginia Pubul Núñez, impartiu unha charla sobre a especialidade da medicina nuclear.

Esta mañá presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a Gala 20 aniversario da Escola Municipal de Música de Ames, que se celebrará o venres 23 de maio, ás 19.30 horas, no pavillón municipal do Milladoiro. Haberá diversas actuacións musicais a cargo do combo xuvenil e de antigos alumnos/as da EMMA. Tamén se proxectará un vídeo conmemorativo da Escola Municipal de Música. Están convidados os alcaldes e concelleiros/as responsables da EMMA dende a súa creación, así como antigos profesores e profesoras que impartiron clase en dita escola. Esta gala enmárcase dentro da programación especial do 20 aniversario. Durante este curso hai arredor de 175 alumnos/as matriculados na EMMA.
- ‹ anterior
- 2 de 1381
- siguiente ›