- Tematica
Esta mañá presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a Gala 20 aniversario da Escola Municipal de Música de Ames, que se celebrará o venres 23 de maio, ás 19.30 horas, no pavillón municipal do Milladoiro. Haberá diversas actuacións musicais a cargo do combo xuvenil e de antigos alumnos/as da EMMA. Tamén se proxectará un vídeo conmemorativo da Escola Municipal de Música. Están convidados os alcaldes e concelleiros/as responsables da EMMA dende a súa creación, así como antigos profesores e profesoras que impartiron clase en dita escola. Esta gala enmárcase dentro da programación especial do 20 aniversario. Durante este curso hai arredor de 175 alumnos/as matriculados na EMMA.
O 15 de novembro de 2004 botou a andar a Escola Municipal de Música de Ames. Durante este curso 2024-2025 o Concello de Ames está celebrando o 20 aniversario da EMMA. Cómpre lembrar que o pasado 15 de novembro de 2024, coincidido co día no que facía 20 anos da creación deste servizo municipal, presentouse no Centro multifuncional de Aldea Nova a nova imaxe corporativa da EMMA, que foi deseñada pola deseñadora gráfica, Doli Folgar.
O alcalde e concelleiro responsable da EMMA, Blas García, dixo que “hai que poñer en valor o traballo realizado na Escola Municipal de Música durante estes 20 anos de traxectoria. Nesta gala queremos agradecer o traballo realizado polas persoas que a puxeron en marcha e aquelas persoas que nalgún momento estiveron traballado ou colaborando coa EMMA. Imos a invitar aos alcaldes e concelleiros/as, que tiveron responsabilidades na Escola de Música, e a antigos alumnos/as e profesores/as para facer memoria histórica destes vinte anos”.
Por outra banda, Blas García engadiu que “tamén hai que mirar cara o futuro para garantir polo menos outros 20 anos máis da EMMA. Estamos traballando para mellorar este servizo municipal, sen cambiar o que funciona que é a gran maioría, pero hai que tratar de modernizar e mellorar algúns aspectos da Escola de Musica. Algo que imos a facer de inmediato, durante este verán, é mellorar o edifico onde se impartan as clases que está situado en Aldea Nova”.
A técnica municipal responsable da Escola Municipal de Música, Almudena Caamaño, explicou “este curso a EMMA cumpre 20 anos e organizáronse diferentes actividades para celebralo. Imos a rematar as actividades de celebración cunha gala, á que convidamos a todas as persoas que queiran asistir para coñecer como foi evolucionando a Escola Municipal de Música durante este tempo, e por suposto, vannos acompañar antigos alumnos/as, profesores/as, e directores/as. Persoas que participaron no percorrido da EMMA, e moitos deles que nos van seguir acompañando durante os vindeiros anos”.
A directora da EMMA, Pilar Martínez, destacou que “dende a Escola Municipal de Música estamos moi orgullos de chegar aos vinte anos de funcionamento. Nesta gala queremos celebralo con todas persoas que puxeron o seu gran de area e fixeron que a EMMA chegase ata a actualidade. Vai a ser unha gala protagonizada polo alumnado actual do combo xuvenil e tamén por antigos alumnos/as, profesores/as e directores/as da Escola de Música”.
Gala 20 aniversario da EMMA
Ao longo do curso houbo diferentes actividades para conmemorar dito aniversario. Agora, como peche da programación do 20 aniversario da EMMA, vaise celebrar unha gala musical o venres 23 de maio, ás 19.30 horas, no pavillón municipal do Milladoiro. Haberá diversas actuacións musicais a cargo do combo xuvenil e de antigos alumnos/as da EMMA.
Será un acto ámeno e divertido ao que están convidados os alcaldes e concelleiros/as responsables da EMMA dende a súa creación, así como antigos profesores/as, que impartiron clase en dita escola, e antigos directores/as. Tamén se proxectará un vídeo conmemorativo da Escola Municipal de Música. Durante o acto haberá testemuños de antigos/as alumnos/as, directores/as e personalidade municipais que falarán sobre a evolución da EMMA durante estes últimos 20 anos. Por último, falarase sobre o futuro da Escola de Música.