Pestanas principais

Comeza a campaña “Ames en Negro”, vinculada a diversas actividades sobre igualdade

Xoves, 08 de novembro de 2018

[08-11-2018] O Concello de Ames participa, por terceiro ano consecutivo, na campaña En negro contra as violencias, que busca poñer na axenda pública a loita para rematar con todos os tipos de violencia de xénero en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro domingo, 25 de novembro. Así, a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade ten programadas varias accións ao abeiro da campaña Ames en Negro, co obxectivo de concienciar sobre esta realidade, e convidar a toda a veciñanza amesá a que se una para mostrar a súa repulsa á violencia machista.

VIII Xornadas: Igualdade e prevención da violencia de xénero
O xoves 22 de novembro realizaranse as VIII Xornadas: Igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames nas que, durante todo o día, se realizarán mesas de debate, conferencias e obradoiros na Casa da Cultura do Milladoiro. A través destas actividades, buscarase ofrecerlle aos e ás asistentes ferramentas sobre habilidades emocionais, coeducación, e outros temas ao tempo que se analizan diversos temas como o feminismo, o consentimento, as redes sociais e os xoves. Para participar nestas xornadas, que conta con un número de prazas limitadas, é necesario inscribirse na web www.acercateaigualdade.com/inscricion/.

Neste senso, tamén se realizarán obradoiros destinados exclusivamente ás xeracións máis novas. O alumnado de 3º de ESO participarán no obradoiro “Bo trato”, nos que se traballará a convivencia positiva e a educación emocional, ofrecéndolles unha serie de ferramentas para o autocoñecemento, a autoestima, etc. enfocadas á prevención da violencia, en especial de xénero. Esta actividade realizarase o 23 de novembro no IES do Milladoiro e o 30 no de Bertamiráns

Ese mesmo día, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá ás 21.00 horas a representación de “Invisibles”, baseada na novela homónima de Montse Fajardo e adaptada pola compañía Redrum Teatro.

A campaña En Negro
Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero, a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

Na edición do pasado ano participaron 75 concellos galegos, un total de 3.287 establecementos e axentes sociais, e tres deputacións provinciais (Lugo, Pontevedra e A Coruña). Ademais, unha delegación deses concellos viaxou a Bruxelas para presentar a campaña a nivel europeo no Parlamento. Pola súa banda, na campaña Ames en Negro de 2017 participaron máis de 150 axentes sociais, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, ANPAS e centros de ensino.


O luns, 12 de novembro, ponse en marcha a terceira edición do programa En negro contra as violencias, no que este ano participan un total de 102 concellos e 3 deputacións, coa sinatura do Protocolo de actuación 2018 no Pazo de Raxoi ás 12.00 horas. Ames en Negro é o nome da campaña que se desenvolverá no termo municipal amesá, a través da que se realizarán numerosas actividades de concienciación, ao tempo que se levarán a cabo accións para mostrar o rexeitamento unánime do Concello cara a calquera tipo de violencia aplicada ás mulleres.

Estas accións comezarán o luns, 12 de novembro, co reparto de material entre os diferentes establecementos, clubs, asociacións e centros educativos do concello que forman parte da campaña Ames en Negro. O obxectivo será que, na semana do 19 ao 25, os escaparates, as instalacións deportivas, os colexios e institutos e, en definitiva, toda a cidadanía se vista de loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte.

Entre o material que se repartirá hai camisetas, bolígrafos, pulseiras, axendas, pelotas antiestrés e bolsas plegables. Tamén se repartirán pancartas para os pavillóns e instalaranse deseños con frases sensibilizadoras nos pasos de peóns.

Para rematar, o venres 23, ás 12.00 horas, terá lugar o acto institucional na praza do Concello de Bertamiráns, no que se procederá á lectura do manifesto. Dende o Concellería animan ás e aos amesás a que acudan vestidos de negro para, todos xuntos, apoiar ás vítimas de violencia de xénero e mostrar a súa condena unánime a este tipo de actos. Durante o evento tamén se realizarán lecturas de poesía, actuacións musicais e reparto de material entre os e as asistentes.

Actividades relacionadas coa igualdade
Por outra banda, ao longo do mes de novembro realizaranse diversas actividades que xirarán sobre a igualdade. Así, o xoves 15, o alumnado de 4º de ESO dos IES de Bertamiráns e Milladoiro participarán no espectáculo musical “I´ll be watching you”, que ofrecerá a compañía Chévere na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao longo das dúas horas que dura este espectáculo lúdico e pedagóxico, analizaranse os roles de xénero latentes e patentes nalgunhas das cancións de temática amorosa máis famosas.

A partir do mércores 21, instalaranse dous Puntos de Igualdade nos CEIP de Barouta e Agro do Muíño, que consisten en dous puntos móbiles conformados por diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero. A través destas obras orientadas ás diferentes idades da infancia búscase promover entre as nenas e nenos a importancia da igualdade de xénero a partir da lectura, así como os valores de respecto e tolerancia fronte á diversidade. Con esta iniciativa tamén se pretende achegar, ás familias e ao profesorado, unha serie de recursos necesarios para o diálogo coas crianzas arredor destes temas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Arranca la campaña para combatir la violencia machista"