Pestanas principais

Está aberto o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación familiar Nadal Lúdico

Xoves, 08 de novembro de 2018

[08-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Nadal Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30h a 16:00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de novembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e as bases dos lúdicos.

O Nadal Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes, ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. O programa está dirixido a crianzas empadroadas no Concello de Ames, escolarizadas no segundo ciclo de Educación Infantil ou en calquera dos cursos da Primaria. As familias que soliciten praza deberán, deste xeito, estar integramente empadroadas en Ames e deberán acreditar, asemade, a necesidade de conciliación entre a vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores.

Este servizo municipal, que está organizado pola Concellaría de Educación e Cultura, desenvolverase os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30h a 16:00 horas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Ao longo destes nove días, levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe das nenas e nenos participantes.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición no Nadal Lúdico permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de novembro. As persoas interesadas en inscribir as súas fillas e fillos poderán recoller os impresos de inscrición no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina, ou na Oficina Municipal do Milladoiro.

A entrega da documentación deberá facerse no departamento de Educación (rexistro auxiliar do Pazo da Peregrina), no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres, entre as 9:00h e as 14:00 horas. A documentación tamén poderá ser entregada de xeito telemático a través do enderezo https://sede.concellodeames.gal/gl.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición publicarase a listaxe de nenas e nenos admitidos, na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. A listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro, así como na sección de Aviso da páxina web do Concello de Ames. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.