Actualidade
[26-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público as resolucións polas que se aproba a creación dunha bolsa de traballo de mestres/as de frauta e unha bolsa de traballo de mestres/as de saxofón. Ambas as dúas para a Escola Municipal de Música de Ames. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter ditas resolucións.
[26-12-2018] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle os días 27 e 28 de decembro unha exposición na que se poderán admirar diversas pezas elaboradas pola mestra e as alumnas que participan no obradoiro de ganchillo organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames. Durante a exhibición, que estará aberta ao público este xoves e venres de 10.30 a 13.00 en horario de maña e de 17.00 a 20.00h pola tarde, tamén se realizarán demostracións de ganchillo.
[26-12-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este venres, 21 de decembro, a gala de entrega dos premios da oitava edición do concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!. As concelleiras de Mocidade, Silvia Dapena, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, foron as encargadas de entregar os premios aos gañadores durante a gala, conducida por Isabel Martínez-Risco e María Ángeles Bañobre. Os grupos Lalaland, Ísjaka e MAC alzáronse como os gañadores desta edición.
[26-12-2018] Por razóns alleas á organización comunícase a modificación do horario para espectáculo O Mundo Máxico de Pinocho, polo que comezará hoxe ás 17.30h na Casa da Cultura de Bertamiráns.
[26-12-2018] Este xoves, 27 de decembro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro no que a Corporación municipal debaterá a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Tamén se tratará a aprobación inicial do regulamento da Escola municipal de música de Ames; a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola actividade administrativa do cemiterio municipal; a primeira modificación da ordenanza reguladora do prezo público polos servizos funerarios do cemiterio municipal; e unha proposta do PSdeG sobre a política do Goberno galego en relación do financiamento das Entidades locais. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de decembro.
[22-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, por procedemento aberto simplificado, da obra de instalación e cubrición da área de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns. Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña a través do POS 2018, ten un orzamento de licitación que ascende a 189.775,83 euros, IVE incluído. Tamén está en fase de licitación o proxecto de cubrición do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro.
[22-12-2018] A Concellaría de Promoción Económica e a organización Acción contra a Fame desenvolveron unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Un total de 66 persoas (43 mulleres e 23 homes), 42 de Ames, recibiron o apoio de Vives Emprende durante o exercicio 2018. Ademais, houbo un total de 13 negocios creados, dos cales 7 son de persoas residente en Ames. As asesorías individuais continúan realizándose por parte do persoal de Acción contra a Fame.
[21-12-2018] Este venres, 21 de decembro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no XIII Concurso de Escaparates de Nadal 2018, organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, e no que participaron un total de 46 comercios (23 en Bertamiráns e 23 no Milladoiro). Tralo ditame do xurado, nesta edición o primeiro premio recaeu en Kierete Peluquería do Milladoiro. O segundo premio é para El Patio de Mi Casa-Perfumes, tamén do Milladoiro, mentres que o terceiro premio levouno Antela Viaxes, de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o listado coas votacións do xurado do XIII Concurso de Escaparates.
[21-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza durante o sábado 29 de decembro, a partir das 10.00 horas, o segundo Torneo de Nadal de fútbol sala 3x3 Concello de Ames. Este torneo desenvolverase no pavillón municipal do Milladoiro. Ademais, vanse organizar outras actividades deportivas durante decembro e xaneiro como son o II Torneo de Nadal de baloncesto, a XII Carreira Ciclista do Pavo e mailo II Torneo de Nadal de fútbol. Estas actividades enmárcase dentro da programación municipal de Nadal. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o regulamento do torneo e mailo impreso de inscrición.
[21-12-2018] A oficina municipal de información xuvenil (OMIX) organizou durante os meses de novembro e decembro o ciclo formativo “Máis que 2.0”, que estivo dirixido á mocidade amesá. Dentro de dito ciclo organizáronse un obradoiro de marketing dixital e outro de emprendemento xuvenil. O primeiro deles foi impartido na Aula Cemit, da Casa da Cultura de Bertamiráns, e o segundo realizouse en varias sesións no IES de Ames para o alumnado de 4º de ESO e 2º de bacharelato. En total participaron 46 mozos e mozas de Ames.
- ‹ anterior
- 2 de 793
- seguinte ›




