[26-12-2018] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle os días 27 e 28 de decembro unha exposición na que se poderán admirar diversas pezas elaboradas pola mestra e as alumnas que participan no obradoiro de ganchillo organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames. Durante a exhibición, que estará aberta ao público este xoves e venres de 10.30 a 13.00 en horario de maña e de 17.00 a 20.00h pola tarde, tamén se realizarán demostracións de ganchillo.
As dezaoito alumnas do “Obradoiro de ganchillo para novatos” e a profesora voluntaria Silvia Vidal encargada de impartilo expoñerán este xoves e venres máis dunha vintena de pezas elaboradas durante a primeira edición do taller de ganchillo, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames o curso pasado. En horario de 10.30 a 13.00 e de 17.00 a 20.00h, os asistentes poderán acudir á mostra na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde se expoñerán biquinis, vestidos, xerseis, gorros ou colchas, entre outros.
Asemade, durante a mostra as alumnas e a mestra do obradoiro realizarán diversas demostracións de ganchillo, co obxectivo de mostrarlle aos visitantes como se traballa esta técnica, responder as dúbidas que poidan surxir ou mostrar ideas sobre as múltiples posibilidades de produtos que se poden realizar mediante ganchillo. Todo elo nun ambiente distendido que permita que tanto os visitantes como as participantes pasen un momento agradable.
Se ben moitas das pezas que se expoñerán foron elaboradas durante o pasado curso, debido ao éxito do curso dende outubro deste ano estase a impartir un novo curso de ganchillo para novatos, todos os venres na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11.00 a 13.00 horas. Así, durante as clases, que se estenderán ao longo do curso 2018/19, as participantes elaboran diversas pezas como roupa, bolsos para nenos/as, monecos, manteis, fundas para móbiles, gorros, etc.