Pestanas principais

Xa se coñecen os gañadores do VIII Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Mércores, 26 de decembro de 2018

[26-12-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este venres, 21 de decembro, a gala de entrega dos premios da oitava edición do concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!. As concelleiras de Mocidade, Silvia Dapena, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, foron as encargadas de entregar os premios aos gañadores durante a gala, conducida por Isabel Martínez-Risco e María Ángeles Bañobre. Os grupos Lalaland, Ísjaka e MAC alzáronse como os gañadores desta edición.


Participación no Concurso Radiofónico de Teatro Lido
Nesta edición do concurso de teatro lido de Ames presentáronse un total de 25 equipos, dezasete do IES de Ames e oito do IES do Milladoiro. As obras presentadas polo alumnado do IES do Milladoiro foron: Por que morreu Hanah do grupo As Donas, Unha amiga para recordar de Macarone, O misterio de Milán de Os Galaxy, Sentimos o que sentimos do grupo MAC, O mellor verán da miña vida de Os tres fantásticos, Pais vs videoxogos de Os Cómicos, Un papagaio diferente de Os Papagaios e Complexos do século XXI de Ameixas.

Pola súa banda, o IES Ames presentou O primeiro mapa de Galicia de Fía e Zoe, As trastadas de Manolo e Xose do grupo As soñadoras, Desastre na cociña de Saranoa, S.L., Paula e Diego de Avestruz, Unha compra non tan comprada das Enredadas, A traizón de Lóstrego, O tren do misterio de IA, O invisible de As Serpes, E agora que cambia? De Lalaland, Quinto Milenio: O fin do mundo de Os calviños de Randin, Non estás soa de Irifalia, Bonecos dixitais de Ísjaka, Caraveis en branco e negro de Estrelas Fugaces, Nudismo de NBA, Amor rexeitado de Axanpatón e Vila sacrificio de MK.

As pezas emitíronse entre o 26 de novembro e o 3 de decembro na emisora municipal Ames Radio, de luns a venres. Do mesmo xeito, as pezas tamén estiveron dispoñibles, durante estas datas, na sección de Avisos da páxina web do Concello.

O concurso radiofónico de teatro lido de Ames ten como obxectivo dinamizar, dun xeito lúdico, o uso oral e escrito do galego entre a mocidade, así como fomentar o gusto polo teatro e achegar ás mozas e mozos á radio municipal. A actividade, que é organizada anualmente polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, estivo dirixida ao alumnado matriculado en calquera dos cursos da ESO dos centros de ensino de Ames. Con anterioridade á gravación das pezas, o alumnado participante asistiu a dúas xornadas de formación. A primeira delas foi conxunta e tivo lugar no Pazo da Peregrina, mentres que a segunda se desenvolveu en cada un dos centros de ensino co obxectivo de que cada grupo perfeccionase a súa propia peza.


A oitava edición do Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! contou coa participación dun total de setenta e cinco alumnos/as repartidos en vinte e cinco grupos, o que a converteu na edición con maior participación. O certame, que é convocado anualmente polo Concello de Ames a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación, pretende fomentar, dunha forma creativa e orixinal, o uso do galego entre a mocidade.

Un ano máis, o concurso rematou coa celebración da gala de entrega de premios, que tivo lugar este venres, 21 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Durante o acto, conducido por María Ángeles Bañobre e Isabel Martínez-Risco de Ibuprofeno Teatro, as concelleiras de Mocidade, Silvia Dapena, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, entregaron os premios.

O recoñecemento ao mellor guión orixinal recaeu no equipo Lalaland, mentres que o de mellor interpretación foi para Ísjaka, ambos equipos do IES de Ames. O grupo MAC, do IES do Milladoiro, recibiu o premio do público. O xurado desta edición do concurso amesán de teatro lido estivo conformado polas actrices Isabel Risco e Marián Bañobre e polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso.

O grupo Lalaland estivo conformado polas alumnas Candela Brun, Aldara Tubío e Xoel Pulzoni, quen presentaron a peza E agora que cambia?. A obra Bonecas dixitais foi unha creación do equipo Ísjaka, do que formaron parte Kasech Otero, Sainza Pampín, Jacobo Tajuelo e Inés Fernández. Por último, o grupo MAC, que participaron do concurso coa peza Sentimos o que sentimos, estivo formado por María Alamauona, Candela Ayuso e Antía Romero. O Concello de Ames repartiu no total 600 euros entre os gañadores, cunha dotación de 200 euros para cada un dos equipos premiados.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Xa se coñecen os gañadores do VIII Concurso de Teatro Lido de Ames, "Desata a Lingua!""