Pestanas principais

O xurado elixe os establecementos Kierete Peluquería, El Patio de Mi Casa-Perfumes e Antela Viaxes como os mellores do XIII Concurso de Escaparates Nadal 2018

Venres, 21 de decembro de 2018

[21-12-2018] Este venres, 21 de decembro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no XIII Concurso de Escaparates de Nadal 2018, organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, e no que participaron un total de 46 comercios (23 en Bertamiráns e 23 no Milladoiro). Tralo ditame do xurado, nesta edición o primeiro premio recaeu en Kierete Peluquería do Milladoiro. O segundo premio é para El Patio de Mi Casa-Perfumes, tamén do Milladoiro, mentres que o terceiro premio levouno Antela Viaxes, de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o listado coas votacións do xurado do XIII Concurso de Escaparates.

Neste concurso, os establecementos comerciais amesáns competiron co engalanado dos seus escaparates, que están expostos dende o pasado 14 de decembro de 2018 e permanecerán así ata o 7 de xaneiro de 2019. O concurso ten 46 participantes (23 de Bertamiráns e 23 do Milladoiro), número que aumentou respecto ao Nadal de 2017 no que participaron 26 en Bertamiráns e 18 no Milladoiro.

Tralo ditame dos membros do xurado xa se coñecen os gañadores deste concurso. O primeiro premio recaeu na empresa de estética, Kierete Peluquería, situada na rúa Estivada de Castelao, número 1, do Milladoiro, que obtivo 64 puntos. O segundo premio foi para a a perfumería, El Patio de Mi Casa, que está situada na rúa Curuxa, número 1, tamén no Milladoiro, e que obtivo 57 puntos.

Por último, o terceiro premio recaeu en Antela Viaxes, que está situada na praza do Concello, número 5, en Bertamiráns, e que sumou 55 puntos. Na terceira posición quedaron empatados con 55 puntos Antela Viaxes, Adria Florería e maila tenda de moda Queens. Trala deliberación o xurado acordou outorgar dito premio a Antela Viaxes. O primeiro premio está dotado de 1.000 euros, o segundo premio é de 700 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros. Uns importes aos que se lles aplicará a retención do IRPF que corresponda no momento da entrega de premios.

O xurado estivo formado por un membro de cada unha das asociacións de comerciantes e profesionais que están funcionando actualmente no concello. Pablo Suárez asistiu en representación da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Bertamiráns; María Reyes Cancela participou en representación da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar; Salomé Blanco formou parte do xurado en representación da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro; e Félix Caramés en representación da Unión de Consumidores de Galicia.

Cada membro do xurado fixo unha valoración de entre 0 e 10 puntos, tendo en conta o deseño e a orixinalidade dos traballos presentados, así como os criterios de composición e a elaboración propia. O xurado contou co asesoramento técnico da profesional, Antonia Pinto Veloso. Os técnicos municipais, Jorge Couñago e Sonia Moure, actuaron como secretarios.

Premio Especial do Público
Na segunda fase do Concurso de Escaparates elixirase o Premio Especial do Público. Para realizar as votacións deste premio entregáronse 150 boletos a cada establecemento inscrito, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos coas votacións deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro, ata o 7 de xaneiro de 2019. No caso de que algún boleto presente algún campo baleiro, será considerado nulo.

Ademais, só serán contabilizados un número máximo de 10 votos por persoa, e non está permitido o voto de ningún titular ou cotitular dos establecementos participantes. As clientas e clientes que emitan, polo menos un voto, participarán no sorteo dun talón por importe de 300 euros, para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de tres talóns bancarios, todos eles de un importe de 300 euros cada un.

O sorteo terá lugar unha vez rematado o período de Nadal, o mesmo día en que se realice o reconto dos votos do público. Para escoller ás persoas gañadoras, extraeranse tres boletos ao azar. Do mesmo xeito, tamén se retirarán outros seis boletos, que serán asignados ás persoas suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. O nome das persoas gañadoras dos cheques, así como o das suplentes, darase a coñecer o mesmo día que os nomes dos establecementos máis votados polo público.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames xa elexiu aos gañadores do concurso de escaparates 2018"
Lindeiros: "Otorgados os premios do xurado no Concurso de Escaparates de Nadal de Ames "
Compostela 24 horas: "O xurado elixe os establecementos Kierete Peluquería, El Patio de Mi Casa-Perfumes e Antela Viaxes como os mellores do XIII Concurso de Escaparates Nadal 2018"