Pestanas principais

Iníciase a licitación por preto de 190.000 euros do proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns

Sábado, 22 de decembro de 2018

[22-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, por procedemento aberto simplificado, da obra de instalación e cubrición da área de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns. Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña a través do POS 2018, ten un orzamento de licitación que ascende a 189.775,83 euros, IVE incluído. Tamén está en fase de licitación o proxecto de cubrición do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro.

O proxecto de cubrición da área de xogos, implantación e ordenación de elementos no parque infantil de Chavián, en Bertamiráns, contempla a realización de obras de cubrición e protección dunha parte, de aproximadamente 160 metros cadrados, da praza situada entre fronte á avenida da Maía. Está equipada como área de xogos infantís en dous espazos, un de usuarios/as en idade preescolar e o outro para maiores. Implantarase unha estrutura metálica porticada lixeira, que se cubrirá mediante unha malla téxtil semitransparente lixeira que garante o uso da zona cuberta nas estacións de choiva e secas, e tanto nos períodos de iluminación diúrna como nocturna, dadas as diferencias horarias do solpor.

O proxecto recolle a alternancia de catro elementos verticais de 3 e 4,5 metros de altura cara á orientación norte, e outros catro de de 3 e 6 metros cara ao sur. A totalidade da intervención, que vén sendo a implantación de 8 piares e a execución do sumidoiro perimetral de recollida das augas pluviais, máis a reordenación dos xogos actuais e a instalación do novo elemento de trepa, acada unha superficie de intervención construtiva sobre o ámbito de 653,90 metros cadrados.

Parque infantil de Agro da Vella
O proxecto de cubrición do parque infantil da Praza de Chavián únese ao proxecto das mesmas características que se vai desenvolver no parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. Este último executarse na praza que está situada entre a rúa Agro da Vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello. Os traballos que se desenvolverán consisten en cubrir a área de xogos, que abrangue unha superficie de preto de 400 metros cadrados e realizaranse coa implantación dunha estrutura metálica porticada lixeira.

O goberno municipal aprobou recentemente en Xunta de Goberno Local que o sobrante por baixas de licitación no POS+ 2017, que ascende a 154.148,21 euros, sexa investido neste proxecto de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O Concello de Ames porá 36.245,39 euros, para completar o orzamento total do proxecto que ascende a 190.393,60 euros.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “a cubrición de dous parques infantís, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, era un dos obxectivos marcados polo goberno municipal dende o inicio do mandato en 2015. Agora temos oportunidade de levar a cabo os dous proxectos grazas ao financiamento da Deputación da Coruña”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames licita por 190.000 euros las obras para mejorar el parque infantil de la praza de Chavián"