Actualidade
[12-10-2017] O pasado luns, 9 de outubro, rematou o curso de primeiros auxilios na natureza no que participou un grupo de 20 persoas. Esta actividade, que estivo organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ames (OMIX), estivo composta de sete sesións que se desenvolveron na sala de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns. Foi a primeira vez que se impartiu este curso en Ames, a través do cal os/as participantes aprenderon os contidos básicos sobre primeiros auxilios no medio natural. Á clausura e entrega de diplomas acudiu a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, e o presidente comarcal de Cruz Vermella Santiago, José Luís Barreiro Conde.
[11-10-2017] Será unha oportunidade para coñecer o río doutra maneira, observando diferentes formacións do bosque de ribeira e aprendendo a identificar a fauna de invertebrados que está presente nos regos, así como as especies indicadoras da calidade da auga. A actividade, que está organizada pola Concellaría de Medio Ambiente en colaboración coa Concellaría de Deportes, terá lugar o vindeiro sábado, 14 de outubro, entre as 10:30h e as 12:00 horas. Para participar é preciso anotarse previamente, entregando o formulario de inscrición - que se pode atopar no apartado de descargas desta nova - no Rexistro municipal ou enviándoo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
[11-10-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, María Nava Castro, acaban de asinar un convenio para que a Xunta de Galicia sufrague as obras de mellora e acondicionamento do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo municipio amesán. As actuacións proxectadas suporán unha recuperación e potenciación do Camiño de Fisterra-Muxía ao seu paso polas parroquias de Ames e Trasmonte como un recurso cultural, económico, turístico e de comunicación. Estes traballos teñen un custo de preto de 50.000 euros.
[11-10-2017] Dirixida a todas as mulleres do Concello de Ames na procura de emprego ou cunha idea para emprender, a xornada informativa “Muller, decide o teu futuro laboral” celebrouse o martes, 10 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro, e hoxe, día 11, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Organizada pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM) e en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a xornada gozou dunha grande acollida. No total, asistiron preto de 50 mulleres.
[10-10-2017] A Aula da Natureza acollerá o vindeiro domingo, 15 de outubro, a primeira sesión do curso, de 20 horas, de horta sostible. Impartido por Afonso Touceda, o curso estará conformado por seis sesións repartidas ao longo de outubro e novembro, sempre en horario de 10:30h a 13:30 horas. Aínda existen prazas dispoñibles, polo que é posible anotarse entregando o formulario de inscrición - que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova - no Rexistro municipal ou enviándoo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
[10-10-2017] O Obradoiro Alí, que está dirixido ao persoal das escolas infantís, públicas e privadas, e ao profesorado de infantil das EEI e dos CEIP do Concello de Ames, desenvolverase o vindeiro sábado, 21 de outubro. Será no Pazo da Peregrina, das 10:00h ás 14:00 horas. O obxectivo da súa realización é o de facer máis visible o material existente en galego para a primeira infancia, contribuíndo a que as crianzas poidan apropiarse do mundo na nosa lingua, ao tempo que aprenden dun xeito lúdico. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de outubro. As persoas interesadas poderán inscribirse enviando un correo ao Servizo de Normalización Lingüístico de Ames, normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto, escola na que traballan e o posto que ocupan.
[10-10-2017] Será o vindeiro luns, 16 de outubro, no salón de actos do IES do Milladoiro. Entre as 18:00h e as 19:00 horas, abordarase diferente información relativa ás bolsas High School da Fundación Amancio Ortega: dúbidas na toma da decisión, vivencias reais, experiencias sobre o proceso de selección, aprendizaxe...
[10-10-2017] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da décimo oitava edición da carreira pedestre popular Concello de Ames, que se desenvolverá pola contorna da localidade de Bertamiráns o vindeiro domingo, 22 de outubro, a partir das 10:30 horas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 11 categorías. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 18 de outubro. Na actualidade hai 282 persoas inscritas. De xeito paralelo vaise organizar o sábado 21, pola mañá, un obradoiro no que se impartirán nocións de adestramento para atletas de carreiras populares.
[10-10-2017] Neste curso, as persoas participantes aprenderán a realizar, entre outras cousas, cartas, cartaces, diplomas, táboas e galerías de Fontwork, así como a engadir imaxes e autoformas e a formatar un parágrafo ou unha páxina. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, o curso desenvolverase os días 16, 18, 23 e 25 de outubro, en dúas quendas (de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas).
[09-10-2017] O outono chega cargado de cursos á aula CeMIT de Bertamiráns, tanto para persoas adultas como para crianzas. Ao longo destes meses, tamén haberá varias charlas divulgativas e exames EMA e CODIX. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destes cursos, as persoas interesadas pódeno facer a través da web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula na Casa da Cultura (en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00 horas), chamando ao 662 371 511, no mesmo horario, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
- ‹ anterior
- 732 de 1380
- seguinte ›