[09-10-2017] O outono chega cargado de cursos á aula CeMIT de Bertamiráns, tanto para persoas adultas como para crianzas. Ao longo destes meses, tamén haberá varias charlas divulgativas e exames EMA e CODIX. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destes cursos, as persoas interesadas pódeno facer a través da web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula na Casa da Cultura (en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00 horas), chamando ao 662 371 511, no mesmo horario, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
O primeiro dos cursos para persoas adultas será o do procesador de textos LibreOffice Writer, que se desenvolverá entre o 17 e o 26 de outubro. O curso, que terá lugar os martes e xoves, entre as 18:15h e as 19:45 horas, centrarase nun uso avanzado deste procesador, dando continuación aos contidos que se deron previamente no curso de verán. É ideal tanto para as persoas que asistiron ao curso estival como para aquelas que xa teñen un certo dominio sobre o programa.
Entre o 31 de outubro e 9 de novembro, impartirase un curso sobre follas de cálculo en LibreOffice Calc, no que se ofrecerán contidos acerca dun uso avanzado deste programa. Entre o 14 e o 23 de novembro, haberá outro curso sobre a creación de blogs. O obxectivo do mesmo será que as persoas asistentes aprendan a crear o seu propio blog nunha plataforma gratuíta e sinxela. Os dous cursos serán os martes e xoves, entre as 18:15h e ás 19:45 horas.
Ciclo básico de informática para persoas adultas e maiores
Alén dos cursos, tamén haberá este outono un ciclo básico para adultos e persoas maiores. O ciclo estará formado por tres cursos diferentes, que procurarán introducir ao alumnado no mundo da informática. O primeiro deles será o de “Iniciación á Informática para adultos”, que se desenvolverá entre o 19 de outubro e o 2 de novembro. Nel trataranse cuestións básicas como o manexo do rato e do teclado, así como o uso de formatos de texto básicos.
O segundo dos cursos será o de “Iniciación á internet para adultos”, que irá do 7 ao 16 de novembro, e no que se abordarán as buscas, e a navegación en xeral, na internet. Por último, do 21 ao 30 de novembro, terá lugar o curso “Iniciación ás redes sociais”, que tratará acerca do mellor xeito de xestionalas dunha forma segura. Ambos os cursos celebraranse martes e xoves, en horario de 10:00 a 11:30 horas. Non é obrigatorio asistir aos tres, senón que as persoas interesadas poderanse inscribir neles de maneira individual.
Cursos para crianzas
Do 18 de outubro ao 15 de novembro, impartirase o curso “Informática para nenas e nenos”, os mércores, de 18:15h a 19:45 horas. O curso estará centrado na introdución e familiarización das crianzas co ordenador e co uso da internet. O segundo dos cursos para rapazas e rapaces, organizado este outono, é o de mecanografía, que se celebrará entre o 16 de outubro e o 13 de novembro. As nenas e nenos menores de 10 anos que se inscriban nel, terán aulas os luns de 18:15h a 19:00 horas. Pola súa banda, as rapazas e rapaces maiores de 10 anos, asistirán ao curso tamén os luns, en horario de 19:00h a 19:45 horas.
O curso “Procesador de textos LibreOffice Writer para estudantes” terá lugar do 20 ao 29 de novembro. Será os luns e os mércores, de 18:15h a 19:45 horas. O curso estará enfocado a facilitar o acceso do estudantado ás ferramentas básicas para a realización dos traballos escolares.
Charlas divulgativas
O 17 de outubro, entre as 10:00h e as 12:00 horas, terá lugar a primeira das charlas informativas do outono, que se centrará na guía técnica e no proxecto tipo de infraestruturas de Fogar Dixital. No 2016, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto que establece as obrigas para a construción de vivendas no referente ao Fogar Dixital. O que pretende esta charla é informar aos Concellos e promotores acerca das obrigas normativas que se deben cumprir neste ámbito.
Ademais, o primeiro luns de cada mes, terá lugar unha videoconferencia desde a Escola Galega de Consumo, que versará, cada día, sobre un tema diferente. As videoconferencias produciranse sempre en horario de 11:00 a 12:00 horas.
Exames EMA e CODIX
O 17 de novembro haberá un exame CODIX de autoformación, en horario de 10:00h a 12:00 horas. O exame, que será presencial, é obrigatorio á hora de acadar o diploma de competencias dixitais en ofimática. O 27 de outubro e 24 de novembro, o exame será sobre EMA teleformación. Esta proba é necesaria se se quere acadar o diploma en determinados cursos do Espazo Multimedia de Aprendizaxe do CeMIT. Será entre as 12:00h e as 13:00 horas. Por último, o 24 novembro haberá un exame máis, tamén presencial, sobre EMA teleformación, das 12:00h ás 13:00 horas.
Método de inscrición
As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos cursos ou que queiran obter máis información pódeno facer a través da páxina web do CeMIT https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, pasando pola aula na Casa da Cultura de Bertamiráns, entre as 10:00 e as 13:00h ou de tarde, entre as 17:00h e as 20:00 horas, chamando ao número de teléfono 662 371 511, no mesmo horario, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal. Cómpre lembrar que para matricular a crianzas é preciso inscribilas primeiro na aula CeMIT.