Actualidade

As nenas e nenos usuarias da Rede municipal de comedores escolares xantaron hoxe hamburguesa, de segundo prato, e xeado artesán de vainilla, de sobremesa, un menú elixido previamente nas eleccións feitas o pasado 4 de xuño. Nesta ocasión, por quinto ano consecutivo, impúxose a hamburguesa. O primeiro prato, puré de verduras, foi escollido pola nutricionista municipal. Este foi o vixésimo primeiro ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, 18 de xuño, a adxudicación das obras de pavimentación dos viarios na aldea de Vilaverde, pertencente á parroquia de Piñeiro. O proxecto foi adxudicado á empresa Excavaciones Midón SL por un importe de 251.039,55 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais.

O equipo de ciclismo de Ortoño Velostar Escola de Ciclismo vén de anunciar que o seu ciclista Uxío Fiuza está na lista de convocados da Selección Galega de Cicnlismo para disputar o Campionato de España escolar que se celebrará esta vindeira fin de semana, do 19 ao 21 de xuño, en Torrejón de Ardoz, Madrid.

Dende o 21 de abril ata o 16 de xuño, o Goberno municipal realizou unha rolda de visitas polas parroquias do municipio que se enmarcaron no programa de Encontros co Alcalde. O obxectivo foi explicar o traballo que se está realizando dende o Concello, aclarando as dúbidas da veciñanza sobre temas concretos e tomar nota das reclamacións e demandas. Ditas xuntanzas vanse retomar trala época estival, a partir do mes de setembro, con dúas novas xuntanzas nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro.

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu un acto de recepción e recoñecemento ao alumnado e profesorado do IES do Milladoiro que vén de gañar a final do Club de Debate Alingua 2026, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o pasado sábado 25 de abril. A través de dito recibimento púxose en valor o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, así como o seu desenvolvemento das destrezas orais en contextos formais e informais.

Co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, prepara un feixe de actividades durante o venres 26 e o sábado 27 de xuño na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns e no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Deste xeito, o venres haberá diversos obradoiros temáticos, farase a entrega de premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, e celebrarase a festa Holi Party. O sábado a acción pasará por outro obradoiro e un gran xogo colectivo.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística, organizou un ano máis esta ruta polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2026. Deste xeito, 55 persoas participaron o pasado domingo, 7 de xuño, nesta andaina teatralizada polo grupo Os Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco. A ruta partiu de Augapesada e rematou no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para este sábado, 20 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:30 e as 13:30 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos interesadas nesta actividade, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta, que require inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es, hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas.

O CEIP Agro do Muíño desenvolveu o proxecto de mediación artística e creación mural contextual “Paredes que escoitan, paredes que falan”, impulsado polo Concello de Ames, a través da Concellería de Igualdade, e dirixido por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa artista urbana Nana. Esta iniciativa foise construíndo entre os meses de febreiro e xuño, coa vontade de crear referentes femininas vencelladas á historia local. A idea é realizar novos proxectos coma este noutros centros educativos do concello.

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Unha programación que se centra na cultura castrexa, a recollida de herbas de San Xoán, a eclipse total de sol, a interpretación de petróglifos e a observación de estrelas. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar nesta ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Preme nesta ligazón para consultar a programación.
- ‹ anterior
- 12 de 696
- seguinte ›




