Actualidade

Ex., 05-06-2024
Ex., 05-06-2024
Venres, 04 de novembro de 2022
As clases serán impartidas por María José Malleiro, especialista en naturopatía

A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, organiza a partir do próximo martes 15 de novembro un obradoiro de relaxación na Casa das Persoas Maiores de Bertamiráns. Impartirase todos os martes e xoves, en horario de 11:00 a 12:00 horas. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

Martes, 11 de outubro de 2022
A Oficina de Voluntariado programa un taller de robótica e outro de reciclaxe informática no Milladoiro

A Oficina de Voluntariado e a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames celebran este sábado 15 de outubro dous obradoiros, a partir das 11:00 horas no antigo centro de saúde do Milladoiro. Por unha banda, organízase un taller de robótica para nenas e nenos de 7 a 12 anos, con inscricións de balde premendo nesta ligazón. Ademais, de xeito simultáneo haberá un obradoiro de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, organizado pola Oficina de Software Libre, para o que tamén se pode confirmar a asistencia de xeito gratuíto nesta ligazón.

Luns, 19 de setembro de 2022
A xestión do roupeiro municipal será máis áxil e sinxela grazas ao convenio asinado coa empresa Texlimca

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de asinar un convenio coa empresa Texlimca para colaborar na xestión do servizo do roupeiro municipal. Dita empresa colocou varios contedores en Bertamiráns e no Milladoiro para depositar bolsas con roupa, calzado e complementos. Deste xeito, facilitase a doazón de roupa e ao mesmo tempo farase a selección do material depositado nos contedores de xeito máis áxil e sinxelo. A roupa que estea en bo estado seralle entregada ao Concello de Ames, para repartir entre as persoas que a soliciten previamente. O material que non estea en bo estado será reciclado pola empresa Texlimca. O roupeiro municipal atende arredor de 480 solicitudes ao longo do ano.

Xoves, 21 de xullo de 2022
A iniciativa solidaria “Painting for Others” achégase a Ames coa Oficina de Voluntariado e a ONG Cooperación Internacional

O proxecto solidario da organización Cooperación Internacional, “Painting for Others”, achegouse a Ames da man da Oficina de Voluntariado para rehabilitar vivendas de persoas con menos recursos. Na iniciativa, coa que xa se pintou o fogar dunha familia amesá, mozos e mozas voluntarias pintan no seu tempo libre as paredes de casas en estado de precariedade, á vez que gañan consciencia sobre  as dificultades de persoas da súa contorna, aportando mans de pintura, calidez e proximidade.

Xoves, 14 de xullo de 2022
A tenda Máis que louza volve recoller doazóns para a Oficina do Voluntariado de Ames

Dende o 1 de xullo e ata o 1 de setembro, o establecemento de Bertamiráns Máis que louza retoma a súa campaña solidaria de recollida de vaixela “Doando sempre gañas”, que na súa anterior edición entre marzo e abril conseguiu xuntar máis de 300 quilos de louza para a Oficina do Voluntariado de Ames. Durante estes meses de verán, a tenda recollerá os aveños e proporcionará un 5% de desconto no establecemento o propio día da doazón. A louza será despois entregada á Concellaría de Benestar Social, que xestionará e repartirá os aportes da veciñanza.

Martes, 12 de xullo de 2022
Imaxe de arquivo do roupeiro municipal

O roupeiro municipal de Ames, xestionado pola Oficina do Voluntariado, atendeu na primeira metade de 2022 máis de 600 demandas de roupa, calzado e útiles da vida cotiá, co fin de axudar á veciñanza amesá a facer fronte as súas necesidades básicas. Ademais, neste período o banco de útiles infantís recolleu 120 aveños, como berces, carriños ou tronas. Durante o verán, o servizo continuará atendendo as solicitudes da poboación, mais o servizo de recollida de doazóns deixará de funcionar ata o vindeiro 15 de setembro.

Venres, 08 de xullo de 2022
O Banco de reciclaxe electrónica de Ames celebra este sábado o seu primeiro obradoiro para dar nova vida a altofalantes

A recentemente creada Oficina de Voluntariado informático de software libre de Ames, xunto co seu Banco de reciclaxe electrónica, pon en marcha o seu primeiro obradoiro dende o comezo da súa actividade. O servizo, nado da colaboración entre a Concellería de Benestar Social e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), iniciará as súas propostas formativas cun taller de reparación e reciclaxe de altofalantes, que terá lugar este sábado 9 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas. As instalacións da oficina están situadas no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

Luns, 30 de maio de 2022
O Concello de Ames e Agasol lanzan a Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, coa colaboración da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), lanza a Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre do Concello, así como o Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre. Entre os obxectivos da oficina, que estará situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, están reducir a fenda dixital para colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio.

Sábado, 07 de maio de 2022
A Oficina de Voluntariado organiza un día de campamento en Galipark para as adultas e adultos amesáns

A Oficina de Voluntariado de Ames propón unha xornada de campamento para persoas adultas no parque multiaventura Galipark, situado preto da vila de Padrón. Alí poderanse realizar diversas actividades como escalada e rafting, ou pasar por tirolinas e  tobogáns acuáticos. A proposta terá lugar o sábado 28 de maio, con saídas en autobús dende as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, ás 9:15 e ás 9:30, respectivamente. Para participar, cómpre inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal, ata o día 20 de maio. Para máis información, pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 ou 683 327 378.

Venres, 29 de abril de 2022
A tenda Máis que louza recolle máis de 300 quilos de doazóns para a Oficina de Voluntariado de Ames

O establecemento de Bertamiráns Máis que louza vén de recadar máis de 300 quilos de doazóns de vaixela na súa campaña solidaria “Doando sempre gañas”, que se desenvolveu dende o 15 de marzo ata o 16 de abril. A tenda recolleu os aveños aportados pola veciñanza amesá, que a cambio recibiu un 5% de desconto para facer compras no establecemento. A louza xa foi recollida pola Concellaría de Benestar Social, que a través da Oficina de Voluntariado xa está a repartir estes bens entre a poboación.