Pestanas principais

O roupeiro municipal leva atendidas máis de 600 demandas de roupa e útiles no que vai de ano

Martes, 12 de xullo de 2022

O roupeiro municipal de Ames, xestionado pola Oficina do Voluntariado, atendeu na primeira metade de 2022 máis de 600 demandas de roupa, calzado e útiles da vida cotiá, co fin de axudar á veciñanza amesá a facer fronte as súas necesidades básicas. Ademais, neste período o banco de útiles infantís recolleu 120 aveños, como berces, carriños ou tronas. Durante o verán, o servizo continuará atendendo as solicitudes da poboación, mais o servizo de recollida de doazóns deixará de funcionar ata o vindeiro 15 de setembro.

O roupeiro municipal de Ames, situado en Aldea Nova, funciona dende 2002 para axudar á veciñanza amesá a facer fronte ás súas necesidades básicas de roupa, calzado e útiles e utensilios da vida cotiá.

O servizo, que controla a Oficina de Voluntariado de Ames, está xestionado na actualidade por oito persoas voluntarias do concello. Deste xeito, este persoal recibe as doazóns, como prendas ou útiles, e selecciona as que estean en bo uso, almacénaas e entrégaas ás persoas ou familias que as precisen, coa supervisión do persoal técnico da Oficina de Voluntariado.

No que vai de ano, superáronse as 600 demandas e peticións de roupa e útiles, continuando cunha tendencia dos últimos anos, nos que a demanda de roupa aumentou considerablemente. Neste senso, das solicitudes recollidas ao longo de 2022, arredor de 7 de cada 10 foron para rapazada menor de 16 anos.

Outras das peticións máis habituais están relacionadas con útiles infantís, como carriños, berces ou tronas. Neste senso, nos primeiros seis meses de ano o banco de aveños infantís recolleu uns 120 útiles.

Coa chegada do verán, o servizo continúa en funcionamento, recollendo as solicitudes da poboación  no horario habitual, achegándose ata a Oficina do Voluntariado ou ás oficinas municipais de Servizos Sociais de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00h. Non obstante, o servizo de recollida de doazóns estará suspendido ata o 15 de setembro, día no que se recuperará o funcionamento habitual do roupeiro.

Para máis información está dispoñible o número 662 377 044 da Oficina Municipal de Voluntariado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O roupeiro amesán atendeu máis de 600 demandas de útiles"

Imaxe de arquivo do roupeiro municipal