Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames organiza un novo obradoiro de ximnasia e relaxación

Venres, 04 de novembro de 2022

A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, organiza a partir do próximo martes 15 de novembro un obradoiro de relaxación na Casa das Persoas Maiores de Bertamiráns. Impartirase todos os martes e xoves, en horario de 11:00 a 12:00 horas. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

O taller, que xa fora organizado en anteriores ocasións tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, logrando completar as súas prazas, ten como obxectivo encontrar o equilibrio e o sosego dentro do día a día, conectando corpo, mente e emocións. Consistirá en realizar exercicios físicos e relaxacións.

As clases serán impartidas pola profesora María José Malleiro Zorzano, formada en naturopatía, masaxe terapéutico, osteopatía biodinámica e alimentación natural. Dividiranse en tres partes: primeiro, os participantes realizarán ximnasia suave, para activar o corpo e poñerse en marcha. Posteriormente, pásase a realizar un exercicio de meditación e relaxación. Ao final da sesión, repartiranse debuxos que representen distintas emocións para que os participantes poidan colorealos e compartir o seu pensar co resto de compañeiros.

Expoñerase un tema distinto cada día, de maneira que os participantes poidan expresar os seus sentimentos a través de varias actividades e lograr experimentar sensacións que escapen da rutina.

Para máis información ou inscricións pódese chamar ao número de teléfono 662 377 044 ou enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

As clases serán impartidas por María José Malleiro, especialista en naturopatía

Multimedia

  • A Oficina de Voluntariado de Ames organiza un novo obradoiro de ximnasia e relaxación