Actualidade

Ex., 24-04-2024
Ex., 24-04-2024
Venres, 03 de novembro de 2023
Cartaz do curso de inglés básico para maiores

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, organizou un curso de inglés básico para maiores. Trátase dun obradoiro de iniciación que está dirixido á todas aquelas persoas que non teñen ningunha formación na lingua inglesa. As clases, que serán impartidas por unha profesora voluntaria que está licenciada en filoloxía inglesa, realizaranse os venres en horario de tarde, entre as 17:30 h e as 18:30 horas, na Casa dos Maiores de Bertamiráns. Ofértanse un total de 15 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para apuntarse hai que chamar ao número de teléfono 662 377 044. Este curso gratuíto dará comezo o día 10 de novembro.

Martes, 17 de outubro de 2023
A Oficina de Software Libre organiza o obradoiro “Repair café de equipos informáticos”

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza o obradoiro “Repair café de equipos informáticos” este sábado, 21 de outubro, de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Xoves, 12 de outubro de 2023
Cartaz do obradoiro “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, organiza o obradoiro “Automatización da túa casa, controla o teu fogar” o sábado 14 de outubro, de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Mércores, 04 de outubro de 2023
Cartaz do obradoiro de viticultura e horticultura

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina do Voluntariado de Ames, pon en marcha unha nova edición do obradoiro de viticultura e horticultura. Actualmente xa está aberto o prazo para inscribirse nesta actividade que comeza o 9 de outubro e se vai impartir todos os luns, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Este taller combinará clases teóricas con saídas para realizar prácticas. Para inscribirse neste seminario é preciso acudir de xeito presencial á Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044.

Mércores, 15 de febreiro de 2023
Acto de recollida dos víveres, no CEIP de Barouta

O pasado venres, 10 de febreiro, o equipo directivo do CEIP de Barouta fixo entrega ao Banco de Alimentos de Ames das doazóns de produtos de alimentación e hixiene realizadas pola comunidade educativa do centro. As achegas foron recollidas co gallo da celebración da sétima edición da carreira solidaria “Móvome pola paz”, que o centro organiza cada ano para conmemorar o Día Mundial da Paz e da Non Violencia, celebrado o 30 de xaneiro. Nesta ocasión, bateuse o récord de participación, e as achegas centráronse nos artigos pensados para a infancia.

Venres, 13 de xaneiro de 2023
Cartel da excursión

A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), dependente da Concellaría de Benestar Social, está a organizar unha excursión á Fortaleza de Valença do Minho, en Portugal, que terá lugar o vindeiro mércores, 1 de febreiro. A actividade está dirixida a persoas maiores de 60 anos, e os interesados en inscribirse xa poden facelo, ata o 26 de xaneiro, chamando aos números 683 18 63 44 ou 662 37 70 44. O custo é de 25 euros e inclúe xantar e desprazamento.

Martes, 13 de decembro de 2022
En Ames búscanse Trasnos e Trasnas para a campaña “Zocos e Trasnos 2022-2023”

Dende a Concellaría de Benestar Social informan que este ano debido ao gran número de zocos e zocas precísase que se inscriban máis trasnos e trasnas na sétima edición da campaña “Zocos e Trasnos 2022-2023”. A través desta iniciativa preténdese que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. A campaña artéllase en base ás cartas que a rapazada (os zocos e zocas), escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como trasnos e trasnas actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.

Venres, 02 de decembro de 2022
Na foliada actuarán o grupo de pandereteiras do programa Amessan e o grupo Elelas

O vindeiro domingo, 11 de decembro, ás 17.00 horas, celébrase a terceira festa de Nadal do programa Amessan, na Casa das persoas maiores de Bertamiráns. Haberá música a cargo do grupo de pandereteiras de Amessan e do grupo Elelas, que tamén está xestionado pola Oficina de Voluntariado de Ames. Ademais, farase unha degustación de chocolate con churros. Disporase de servizo de autobuses, baixo demanda, dende O Milladoiro e dende as parroquias. Sairá dende as paradas habituais ás 16.30 horas. Para reservar praza no autobús hai que chamar ao número de teléfono 662 377 044. 

Luns, 14 de novembro de 2022
Presentación do programa Descarboniza

Esta mañá presentouse no local social de Biduído “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles”, unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática que busca construír narrativas de futuro sustentables a través do teatro. O proxecto, que está financiado pola fundación Daniel e Nina Carasso e pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello de Ames, da asociación veciñal O Reguiño de Biduído e do grupo SEPA (USC), bota a andar en Ames, dirixido por integrantes da cooperativa Feitoría Verde e da compañía de teatro Chévere.

Luns, 14 de novembro de 2022
O Concello pon en marcha por sétimo ano consecutivo a campaña “Zocos e Trasnos”

Por sétimo ano consecutivo, a Concellaría de Benestar Social presenta a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, unha iniciativa a través da que se pretende que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. A campaña artéllase en base as cartas que a rapazada, os trasnos, escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como “zocos” actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.