Actualidade

O vindeiro sábado, 4 de outubro, terá lugar a ruta teatralizada “O segredo do Andoriña”. Trátase dunha ruta duns 5,2 quilómetros que xa se desenvolveu en anos anteriores e que ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial da contorna do río Tambre. O punto de inicio da camiñada será desde a praia fluvial de Tapia e dará comezo ás 10.30 horas. Haberá servizo de autobús, con saída ás 10.00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15 horas desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade é de balde pero, para participar, é preciso realizar unha inscrición previa. Hai 50 prazas dispoñibles.

A localidade de Bertamiráns pronto contará cunha nova área de autocaravanas. Esta semana comezaron as obras por parte da empresa CONSCYC 2020 SL para crear esta nova área dedicada aos/ás autocaravanistas. O contrato foi adxudicado por un importe de 68.437 euros (IVE incluído). Para executar este proxecto asinouse previamente un convenio coa Deputación da Coruña, a través do cal a entidade provincial sufragará o 80% das obras, mentres que o Concello de Ames achegará o 20% restante. Dita área que estará situada no lugar das Pateiras e disporá de espazo para 15 aparcamentos de autocaravanas, unha delas será adaptada para persoas con mobilidade reducida.

Despois de adiar varias actividades no mes de xuño debido á meteoroloxía adversa por choiva, volve “Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira. O programa inclúe a representación teatral “A Batalla de Altamira”, a cargo do grupo Os Quinquilláns; a actuación dos grupos de pandeireteiras de Ames e Brión; e o concerto do grupo Carmela, que se van celebrar o domingo 21 de setembro en horario de mañá e tarde. Todas as actividades son de acceso libre ata completar aforo.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar no pasado mes de xuño o expediente de contratación para crear unha nova área de autocaravanas en Bertamiráns. O contrato foi adxudicado á empresa CONSCYC 2020 SL por un importe de 68.437 euros (IVE incluído). Para executar este proxecto asinouse previamente un convenio coa Deputación da Coruña, a través do cal a entidade provincial sufragará o 80% das obras, mentres que o Concello de Ames achegará o 20% restante. Dita área que estará situada no lugar das Pateiras e disporá de espazo para 15 aparcamentos de autocaravanas, unha delas será adaptada para persoas con mobilidade reducida.

“Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega a súa cuarta edición. As actividades desenvolveranse o venres 13 e mailo sábado 14 de xuño. O programa inclúe a actuación dos grupos de pandeireteiras de Ames e Brión, o concerto do grupo Carmela, unha ruta teatralizada polos escenarios máis significativos da batalla e unha representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou catro rutas polo Mar de Ovellas, incluídas na programación de Rosalía 2025. Houbo tres saídas específicas para o alumnado dos institutos de Ames e realizouse unha para o público xeral. Arredor de 100 rapaces e rapazas do IES do Milladoiro, repartidos en dous grupos, participaron nesta actividade (a primeira saída foi o 18 de febreiro e a segunda o 11 de marzo). Do IES de Ames (Bertamiráns) participaron arredor de 50 alumnos/as que fixeron a andaina o 17 de marzo, mentres que a andaina para a veciñanza en xeral foi o pasado 27 de abril. Nesta cuarta ruta participaron 45 persoas. As andainas estiveron teatralizadas polo persoal do grupo teatral Os Quinquilláns e polo músico Luís O´Caruncho.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou para este domingo 27 de abril unha andaina polo Mar de Ovellas. Esta actividade, que está incluída na programación de Rosalía 2025, tivo que ser adiada en dúas ocasións por inclemencias meteorolóxicas. As persoas que queiran participar na andaina teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Trátase dunha ruta de dificultade media que parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. A andaina estará teatralizada polos Quinquilláns e Lupe Blanco. A actividade rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.

Esta mañá o alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, e maila técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, recibiron na Casa do Concello á directora da guía turística 20xvinte, Mónica Seoane. O número 15 de dita guía está editada pola Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, da que forma parte o Concello de Ames. Neste número da guía ponse en valor diferentes localizacións dos 10 concellos polos que transcorre esta ruta xacobea. 20 persoas destes 10 concellos participan neste número da guía para falar do Camiño Fisterra-Muxía. Deste número editáronse 6.000 exemplares en papel, que estarán distribuídos en arredor de 50 establecementos hoteleiros e albergues. Ademais, editáronse 20.000 tarxetas cun código QR a través do cal se pode descargar a guía. Premendo neste enlace podes descargar a guía.

Este pasado xoves, 23 de xaneiro, o alcalde de Ames e responsable da área municipal de Turismo, Blas García, participou na Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, nas presentacións dos Camiños Fisterra – Muxía e da Ría de Muros Noia. A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte Ames, puxo en marcha a campaña O Camiño que remata no mar para promocionar dito Camiño de Santiago. Ademais, o Concello de Ames participou na presentación do Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia.

A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, organizou a cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. A esta edición presentáronse un total de 52 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (paisaxe, patrimonio e artística). Nesta edición creouse a categoría patrimonio e suprimiuse a categoría macro. O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as nove mellores fotografías. Os/as premiados/as foron notificados/as mediante chamada telefónica.
- ‹ anterior
- 2 de 11
- seguinte ›




