Actualidade

Ex., 23-10-2026
Ex., 23-10-2026
Martes, 05 de maio de 2020
O servizo municipal de Comunicación abre unha nova canle de comunicación a través de Instagram

O departamento municipal de Comunicación vén de crear unha nova canle de comunicación a través de Instagram, que se une as xa existentes en Facebook e Twitter. Crease coa finalidade de ser un medio máis de información de cara á veciñanza de Ames. Ademais, existen outra vías de información como son a canle de Telegram ou de YouTube. A web municipal tamén dispón dun servizo de envío de boletíns informativos e outro de incidencias, a través dun formulario electrónico, no que ademais da incidencia e dos seus datos de contacto poderá achegar imaxes e xeolocalización do incidente.

Martes, 07 de abril de 2020
Ames Radio

A radio municipal de Ames embarcouse nunha nova aventura para seguir en contacto coa veciñanza amesá nestas circunstancias especiais. A través da súa nova páxina de Facebook, a radio municipal seguirá dando voz ás veciñas e veciños, proporcionando ademais información de servizo nestes tempos de confinamento nos fogares. Para todas aquelas persoas que desexen participar neste novo proxecto contando as súas historias, poden poñerse en contacto a través do teléfono 662 377 413 e o enderezo electrónico radio@concellodeames.gal. 

Venres, 03 de abril de 2020
Ames Radio

A radio municipal de Ames pon en marcha unha nova canle de Facebook -Ames Radio- para seguir mantendo o contacto cos veciños e veciñas de Ames mentres duren estas circunstancias especiais. A través de vídeos, na meirande parte enviados polos propios veciños e veciñas do concello, a páxina amosará as angueiras e os sentires da poboación de Ames nestes tempos de confinamento, ao tempo ofrecerá información de servizo. Ames Radio fai un chamamento especial á veciñanza do concello para que se poñan en contacto coa emisora e conten as súas historias. Poden facelo a través do teléfono 662 377 413 e o enderezo electrónico radio@concellodeames.gal.

Luns, 16 de marzo de 2020
Ames Radio emite información de servizo sobre a situación do Covid-19

A radio municipal, Ames Radio, seguirá durante os días que dure o estado de alarma decretado polo goberno de estado, prestando un servizo público de información á veciñanza amesá. Deste xeito, emitirá cinco boletíns informativos ao longo do día (tres pola mañá e dous pola tarde) para achegar información municipal de relevancia provocada pola pandemia do Covid-19 (Coronavirus). A radio municipal pódese escoitar a través do 107.2 da FM ou a través da páxina web.

Venres, 17 de xaneiro de 2020
Radio Cidadá

Logo dun breve paréntese por mor das festas de Nadal, a radio municipal retoma a próxima semana a emisión dos programas radiofónicos realizados pola veciñanza. Así, desde o próximo luns, 20 de xaneiro, poderemos seguir escoitando os 15 programas que forman parte da grella de Ames Radio ata o próximo mes de xuño. Neles, abórdanse temas tan diversos como a educación dos fillos e fillas, o patrimonio histórico e cultural do concello ou a divulgación de coñecementos culturais e musicais.

Luns, 02 de decembro de 2019
Cartel Desata a Lingua

A emisora municipal Ames Radio emite do 2 ao 5 de decembro, no 107.2 FM, as pezas gravadas polos 21 grupos (7 do IES do Milladoiro e 14 do IES de Ames, en Bertamiráns), que participan no IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”. A emisión das pezas farase ás 13.30h e ás 21.30 horas. Estes traballos tamén están dispoñibles na sección de AVISOS da páxina web municipal. A audiencia decidirá do 3 ao 8 de decembro a obra que obtén o premio do público, enviando un correo a radioteatro@concellodeames.gal. As persoas que queiran votar deberán identificarse e só se computa un voto por persoa. Ademais deste, haberá dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación.

Martes, 19 de novembro de 2019
Dende o luns 18 e ata o xoves día 21 de novembro gravaranse as pezas para optar a un dos tres premios que se outorgan no certame radiofónico

A emisora municipal Ames Radio acolle durante toda esta semana as gravacións das pezas presentadas ao IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”. En total participan nesta edición 21 grupos (7 do IES do Milladoiro e 14 do IES de Ames ,en Bertamiráns) e serán 69 as rapazas e rapaces de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO que se acheguen estes días á emisora municipal para gravar as súas pezas. Organizada polos departamentos de Mocidade, Normalización e Comunicación do Concello de Ames, a actividade pretende dinamizar dun xeito lúdico e a través da creatividade o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá. Asemade, fomenta o gusto polo teatro e o achegamento á radio municipal.

Martes, 05 de novembro de 2019
radio cidadá

A radio municipal de Ames comezou este luns, 4 de novembro, a emisión dos espazos radiofónicos que, enmarcados na terceira convocatoria de programas de Radio Cidadá, realizará a veciñanza nos próximos meses. En total, son 15 os programas que formarán parte da grella radiofónica ata o próximo mes de xuño. Neles, abordaranse temas tan diversos como a educación dos fillos e fillas, o patrimonio histórico e cultural do concello ou a divulgación de coñecementos culturais e musicais.

Xoves, 24 de outubro de 2019
Xornada de formación do IX Concurso radiofónico

Os participantes do IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua” asistiron hoxe pola mañá a unha xornada de formación conxunta. A xornada desenvolveuse de 11.00 a 13.00 horas da mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, e nela participaron 104 alumnos de ESO do IES do Milladoiro e do IES de Ames (Bertamiráns), cun incremento de participantes con respecto a outros anos. Este ano presentáronse 33 grupos (8 grupos do IES Milladoiro e 25 grupos do IES de Ames).

Venres, 04 de outubro de 2019
desata a lingua

Os centros de ensino secundario de Ames xa contan coas fichas de inscrición para que o alumnado matriculado en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO poida participar dunha nova edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”. O certame ten por obxecto dinamizar dun xeito lúdico, e a través da creatividade, o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá. Fomenta, ademais, o gusto polo teatro e o achegamento á radio municipal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres, 18 de outubro, e as inscricións realizarase nos propios centros de ensino, a través do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega.