Pestanas principais

Ames Radio abre unha nova canle de conexión coa veciñanza de Ames

Venres, 03 de abril de 2020

A radio municipal de Ames pon en marcha unha nova canle de Facebook -Ames Radio- para seguir mantendo o contacto cos veciños e veciñas de Ames mentres duren estas circunstancias especiais. A través de vídeos, na meirande parte enviados polos propios veciños e veciñas do concello, a páxina amosará as angueiras e os sentires da poboación de Ames nestes tempos de confinamento, ao tempo ofrecerá información de servizo. Ames Radio fai un chamamento especial á veciñanza do concello para que se poñan en contacto coa emisora e conten as súas historias. Poden facelo a través do teléfono 662 377 413 e o enderezo electrónico radio@concellodeames.gal.

Que están facendo os profesores de Ames para que o alumnado poda seguir estudando na casa? Como son e que se fai nesas aulas dentro do fogar? Como se concilia, nun mesmo tempo e nun mesmo espazo, a vida laboral e familiar? Quen son, como están e como viven esta situación os nosos sanitarios, os transportistas, os empregados das empresas de alimentación, de telefonía, de informática, o persoal de limpeza... Quen presta apoio psicolóxico a quen o necesita nestes días difíciles? En que ocupan o tempo os nosos creadores e creadoras? Que sistemas argallan os nosos músicos e os nosos actores para ensaiar xuntos a quilómetros de distancia? Que xogos inventan e recuperan as familias de Ames nestes días? Que fan e que senten os veciños e as veciñas que viven lonxe? A quen podemos ler, escoitar, mirar sen saírnos das listaxes do padrón municipal de Ames? Quen canta “Resistiré” na praza do Concello? Quen toca a pandeireta na praza de Manuel Murguía? Cantos veciños e veciñas saen ás oito da tarde ás ventás para aplaudir a quen nos coida desde o hospital e desde a caixa do supermercado? Estas son algunhas da preguntas ás que darán resposta as historias que se conten nesta nova canle virtual de Ames radio.

Ademais, Ames Radio en Facebook, ofrecerá tamén información de servizo, deténdose en todas aquelas cuestións de interese para o cidadá. Deste xeito darase conta da nova normativa e dos novos procedementos administrativos e ofrecerase información de todas aquelas actividades que o concello está a por en marcha para apoiar á veciñanza neste período especial.

Cómpre salientar tamén que a nova canle aproveitará este tempo para dar a coñecer os veciños e veciñas de Ames que destaquen en calquera campo e para lembrar a obra dos nosos creadores.

A canle comezará a amosar historias o 6 de abril

A canle comezará a amosar historias o luns, 6 de abril, ás dúas do mediodía. Ese primeiro día, o alcalde de Ames contará as medidas que o concello está a por en marcha estes días especiais, a veciña de Ortoño, Lucía Rial, á quen a pandemia pillouna como cooperante de Manos Unidas en Guatemala, relatará xunto coa súa familia as dificultades coas que se atopou para volver a casa e a técnica da biblioteca municipal, Divina Fernández, falará das sesións de Conta contos que ofrecen a través das redes varios días á semana e aproveitará a circunstancia para contar unha desas historias.

Ames Radio pide á veciñanza de Ames que se poñan en contacto a través do teléfono 662 377 413 e o enderezo electrónico radio@concellodeames.gal.

A concelleira de Comunicación, Natividade González, móstrase encantada con esta nova iniciativa; “as redes sociais xa levan tempo nas nosas vidas, pero agora son máis necesarias que nunca, xa que son as nosas aliadas, e temos que quitarlle o máximo rendemento a todos os nosos recursos, para entre todos/as crear esta comunidade virtual, que nos manteña unidos en canto non podemos saír a celebrar nas rúas e nas prazas”.

Ames Radio