Pestanas principais

Ames Radio retoma as emisións dos programas de Radio Cidadá

Venres, 17 de xaneiro de 2020

Logo dun breve paréntese por mor das festas de Nadal, a radio municipal retoma a próxima semana a emisión dos programas radiofónicos realizados pola veciñanza. Así, desde o próximo luns, 20 de xaneiro, poderemos seguir escoitando os 15 programas que forman parte da grella de Ames Radio ata o próximo mes de xuño. Neles, abórdanse temas tan diversos como a educación dos fillos e fillas, o patrimonio histórico e cultural do concello ou a divulgación de coñecementos culturais e musicais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, puxo en marcha por terceiro ano consecutivo os programas de Radio Cidadá, cos que a radio municipal abre ás súas portas á veciñanza amesá para facer o seu propio programa de radio. Dentro desta terceira convocatoria oito programas repiten en relación á primeira e segunda: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo, Pais na Onda, A Arte como factor integrador, Palabras que refrescan, e  Radio Eladio. Son proxectos xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio e consolidados na grella de emisión da emisora municipal.

Ademais, son sete as novas propostas incluídas nesta terceira convocatoria: Letromanías, coa que Xosé Antonio López Silva achega e analiza as novidades literarias e obras destacadas da literatura galega e universal; Fálame da túa terra, un espazo que ten a finalidade de dar a coñecer as diferentes culturas presentes en Ames e en Galicia; Un tiempo especial, con temas e reflexións baseados na Biblia; Conecta2, unha proposta para divulgar dun xeito ameno coñecementos de cultura xeral e específicos; El Duende Cojo, onde a palabra será protagonista a través da literatura e a poesía; Las Carabelas del siglo XXI, co obxectivo de facilitar a integración do inmigrante á vida e cultura galega en xeral, e amesán en particular; e Do Noso, un programa enfocado á mocidade.

Periodicidade
Desta volta, son tres programas xa clásicos dentro da grella de Ames Radio os que podemos escoitar semanalmente: Vivirmos nun mundo finito, os luns ás 19:30 horas; Tangos de la Esquina Sur, os xoves ás 19:00 horas; e Pais na Onda, os venres ás 19:30 horas; ademais da nova incorporación aos programas semanais de Las Carabelas del S.XXI, que se emite todos os sábados ás 10:00 horas.

A meirande parte dos programas son quincenais, e alternan as súas emisións en días e horarios compartidos. Así, os martes poderemos escoitar unha semana Fálame da túa terra, ás 19:00 horas, e Radio Eladio, ás 19:30 horas; e á seguinte Letromanías (aínda que este programa será mensual) e Do Noso. Os mércores será a quenda para De Museo, unha semana ás 19:30 horas; e El Duende Cojo (19:00 horas) e Miradas (19:30 horas) á semana seguinte. Os venres será a quenda de Conecta2, cada quince días ás 19:00 horas e, pola noite, a partir das 21:30 horas, alternarán as dúas semanas Palabras que refrescan e Un tiempo especial. Asemade, un luns de cada mes, podemos escoitar A arte como factor integrador ás 19:00 horas.

Radio Cidadá

Multimedia

  • Radio Cidadá
  • Radio Cidadá