Actualidade

O programa Apego pecha a programación do primeiro semestre de 2023 cun concerto, que estará protagonizado por Uxía Lambona e a Banda Molona. A actividade, gratuíta e dirixida a un público familiar, terá lugar o sábado, 17 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Se o tempo o permite, o concerto trasladarase ao exterior, e será na Praza de Chavián para poder acoller a todas as familias que queiran vir gozar do concerto. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 8, ata o 15 de xuño. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto.

O pasado sábado, 3 de xuño, celebrouse na Casa da Cultura de Bertamiráns a final da décimo primeira edición do Club de Debate Alingua. Nesta última sesión competiron seis equipos, formados por rapazada de secundaria e bacharelato de distintos institutos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol e Ames. O alumnado debateu sobre o tema “A mocidade renuncia ao galego?”, defendendo e argumentando posicións a favor e en contra, para tratar de conseguir a máxima valoración do xurado. En representación do concello amesán participaron un equipo do IES do Milladoiro, “Xente que fala”; e outro do IES de Ames, “Ames a palabra”. O primeiro deles, “Xente que fala”, foi o gañador desta edición, logrando facerse co posto por segundo ano consecutivo, con 324 puntos.

A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésima edición do Certame Literario de Ames. Neste 2023 acadáronse altas cifras de participación cun total de 167 traballos, 15 máis que o ano anterior. Os encargados de xulgar os textos presentados foron o poeta e profesor Ismael Ramos Castelo, a docente e escritora Anna R. Figueiredo e a mestra, música e poeta Andrea Porto Mato. Nesta vixésima edición, o Concello de Ames decidiu que todos os membros do xurado fosen persoas premiadas no certame, como unha forma de homenaxear a todas as persoas participantes nas anteriores convocatorias. A entrega de premios terá lugar o venres 9 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Preme aquí para consultar a acta da reunión do xurado, cos nomes das persoas premiadas e os títulos das obras.

Este sábado, 3 de xuño, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns a final do Club de Debate 2023, no que participan grupos de distintos centros educativos de Galicia. Nesta última fase competirán seis equipos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol, e tamén Ames, que chega á final representado por “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, e por “Ames a palabra” do IES de Ames. O tema de debate será “A mocidade renuncia ao galego?”.

O programa Apego organiza para o mes de xuño unha nova actividade, que terá lugar o venres, día 2, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun obradoiro de porteo e lactación, que será impartido por Xisela Delgado. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 1 de xuño. Para participar é preciso enviar un correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos das persoas que queiran acudir, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, fai públicas as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima edición do Certame Literario de Ames. Nesta ocasión presentáronse 167 traballos, un número que supera a xa elevada participación de anteriores anos. Os encargados de xulgar os textos desta edición serán o poeta e profesor Ismael Ramos Castelo, a docente e escritora Anna R. Figueiredo e a mestra, música e poeta Andrea Porto Mato. A súa decisión farase pública o día 5 de xuño a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Ames. Catro días despois, o 9 de xuño, terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.

A última das propostas do programa Apego para o mes de maio é “Tecendo fíos”, unha actividade que se desenvolverá o venres, 26 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha sesión de contos interactivos para rir, xogar, compartir e axudar á relaxación, creando espazos de divertimento e de calma. A actividade diríxese a familias con crianzas a partir de 3 anos. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 16. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O proxecto “Modo galego, actívao!”, unha experiencia de inmersión lingüística na que participan preto de 3.000 alumnos amesáns dos centros educativos de infantil e primaria, continúa coa realización de cinco actuacións nas escolas de Agro do Muíño, A Igrexa, Barouta, Covas, O Milladoiro, Ventín e A Maía. Os principais obxectivos son a promoción e apoio do uso do galego na socialización da infancia, así como a asociación da lingua galega a actividades de lecer.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado unha nova edición da Festa do Apego que se celebrou nas instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns e na praza de Chavián. Unha vez máis, a dita celebración contou cun gran éxito de participación. Centos de familias ateigaron as actividades e os espazos de xogos e de recursos. Na actualidade hai preto 400 familias amesás adheridas ao programa Apego, que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de fotos da xornada.

Trala celebración da IV Festa do Apego continúa a programación do programa Apego cunha nova actividade a cargo de Pavís Pavós. Desta volta, organízase o contacontos “Este queixo queixolán” que se vai a realizar este xoves 11 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 horas. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.
- ‹ anterior
- 14 de 40
- seguinte ›