- Tematica
A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésima edición do Certame Literario de Ames. Neste 2023 acadáronse altas cifras de participación cun total de 167 traballos, 15 máis que o ano anterior. Os encargados de xulgar os textos presentados foron o poeta e profesor Ismael Ramos Castelo, a docente e escritora Anna R. Figueiredo e a mestra, música e poeta Andrea Porto Mato. Nesta vixésima edición, o Concello de Ames decidiu que todos os membros do xurado fosen persoas premiadas no certame, como unha forma de homenaxear a todas as persoas participantes nas anteriores convocatorias. A entrega de premios terá lugar o venres 9 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Preme aquí para consultar a acta da reunión do xurado, cos nomes das persoas premiadas e os títulos das obras.
O xurado da vixésima edición do Certame Literario de Ames, nunha xuntanza celebrada o 24 de maio, acordou de maneira unánime os textos gañadores de poesía e narrativa do concurso. Nesta edición recibíronse traballos de toda Galicia e doutros puntos máis afastados da nosa xeografía como Madrid, Extremadura ou Polonia. A variada procedencia dos textos premiados é unha mostra da diversidade xeográfica das persoas que participan nesta convocatoria.
Os traballos gañadores proceden dun total de 14 concellos distintos, espallados por toda a xeografía galega. Entre a listaxe de obras premiadas atópanse textos procedentes de Negreira, Touro, Sada, Ames, A Coruña, Marín, Teo, Santa Comba, Nigrán, Arteixo, Carballo, Cangas, Lugo e Mos. No concello amesán quedan dous galardóns: o segundo premio da primeira categoría na modalidade de narrativa e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade.
As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron Lucía Quintáns Suárez, Iria Seoane Villa e Ana López Canosa, na primeira categoría; María Rodríguez Maroño, Alfredo Marques e Soraya Paredes Negreira, na segunda categoría; e Xosé Anxo Corral Suárez, Mónica Castro Pena e Avelino Salgueiro Troncoso, na terceira categoría.
Na modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron Arwen Fernández García, María Victoria Rodríguez Varela e Carme Pereira Troncoso, na primeira categoría; Paula Expósito Giadás, Amalia Blanco Pose e Manuel Muñoz Vázquez, na segunda categoría; e Francisco Javier Fernández Davila, Laura Sánchez Castro e Lara Boubeta Bamio, na terceira categoría.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Anunciados os gañadores do XX Certame Literario de Ames"