Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Tecendo fíos”, do programa Apego

Martes, 16 de maio de 2023

A última das propostas do programa Apego para o mes de maio é “Tecendo fíos”, unha actividade que se desenvolverá o venres, 26 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha sesión de contos interactivos para rir, xogar, compartir e axudar á relaxación, creando espazos de divertimento e de calma. A actividade diríxese a familias con crianzas a partir de 3 anos. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 16. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

A sesión correrá a cargo de Ana Prema, Ana María García Liñares, que é especialista en tempo libre, percusionista tradicional e instrutora de ioga. O obxectivo da actividade é convidar ás persoas participantes a rir, xogar, compartir, relaxarse e decatarse do beneficioso que é estar en calma e entregarse ao momento presente.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina vi ser o marco dunha nova sesión de contacontos de Apego o venres"

Cartaz da actividade "Tecendo fíos"

Multimedia

  • Cartaz da actividade "Tecendo fíos"