Actualidade

Esta mañá foron presentados na Casa da Cultura de Bertamiráns os novos iglús que se instalarán no concello para a reorganización e control das colonias felinas. Estas estruturas, deseñadas polo artista Fernando Yáñez sobre colectores reciclados, servirán para facilitar o traballo dos voluntarios e voluntarias encargados do coidado destas comunidades felinas. En Bertamiráns xa se instalaron tres iglús (un preto da Casa da Cultura, e outros dous na rúa Rosaleda) e está previsto que se instalen tamén no Milladoiro unha vez concluída a detección e control das colonias deste núcleo.

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e Servizos Básicos, organizaron o pasado sábado, 16 de marzo, unha exposición sobre o ciclo da auga para conmemorar o Día Mundial da Auga, que se celebra o 22 de marzo. Ademais, houbo diversos obradoiros e actividades, dirixidas a tódolos públicos. Moitas familias achegáronse ata a carpa instalada no paseo fluvial para participar en ditas actividades.

Os departamentos de Medio Ambiente e Servizos Básicos organizan este sábado, 16 de marzo, unha exposición sobre o ciclo da auga para conmemorar o Día Mundial da Auga, que se celebra o 22 de marzo. Ademais, haberá diversos obradoiros e actividades, dirixidas a tódolos públicos. Para participar neles non é necesaria inscrición previa.

Manuel Rodríguez, Director Xeral de defensa do Monte, achegouse ata o Concello de Ames para coordinar co departamento de Xestión do Medio Rural os traballos pendentes de limpezas subsidiaras das vías e franxas secundarias. Nesta visita o Director Xeral puido reunirse co alcalde, Blas García, e co concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural, vén de inaugurar un novo espazo na rúa Revolteada, no Agro do Muíño, pertencente á parroquia de Ortoño, onde se habilitaron 27 novas parcelas de 35 metros cadrados cada unha dedicadas a hortas urbanas. A semana pasada cedéronse 16 das 27 parcelas dispoñibles. As persoas que estean interesadas en optar a algunha das parcelas que quedan dispoñibles poden facelo a través do impreso de solicitude de xeito presencial no Rexistro municipal ou pola Sede electrónica. Ditas parcelas son cedidas de xeito indefinido mentres se manteña o seu uso. Ademais, esta nova área municipal vaise acondicionar con bancos e árbores para dispoñer dun novo espazo verde de lecer para a veciñanza. Estas 27 parcelas súmanse ás 36 parcelas das hortas urbanas, situadas no parque do Ameneiral, en Bertamiráns; e ás 51 parcelas de hortas urbanas no Milladoiro, situadas entre a rúa do Seixo e a rúa do Francés.

O Concello de Ames vén de crear un apartado informativo dentro do departamento de Medio Ambiente sobre a Carballeira dos Trasgos. O obxectivo é dispor dun apartado específico con información da Carballeira de Paramuíño para os centros de ensino, asociacións e veciñanza en xeral. Dita carballeira atópase nas inmediacións do CEP de Ventín e do campo de fútbol de Biduído. A través da intervención realizada neste lugar colocáronse varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta, macaón, donosiña, curuxa, píntega, peto real, xeneta, bubela, víbora, avelaíña e xoaniña). Tamén se recrearon os seres das nosos contos e lendas, como trasgos ou damas.

A Aula da Natureza organiza o vindeiro sábado, 3 de febreiro, un obradoiro de creación da máscaras de Entroido con materiais naturais. Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos, e realizarase en horario de 11:00 a 17:30 horas nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda). Para inscribirse é preciso enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, antes do venres 2 de febreiro ás 14:00 horas.

O Concello de Ames presentou esta semana a sétima fase do plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas secundarias de xestión de biomasa. En dita fase vaise actuar no ámbito 34 de Cruxeiras. Actuarase en faixas de xestión de biomasa, faixas de xestión de vivendas e faixas de xestión illadas. Dito ámbito contempla 350 parcelas. A superficie das parcelas ascende a 66,07 hectáreas, das cales 28,44 hectáreas son superficie de xestión. Dende o outono/inverno de 2016/2017 actuouse en Piñeiro, Mercuto/Os Batáns, Ventosa/O Bosque Animado, Tapia, Montemaior e Ortoño. Asináronse coa veciñanza un total de 272 convenios para plantar ese mesmo número de fincas. Dende 2016 actuouse nunha superficie total de 234.667 metros cadrados e plantáronse 6.008 plantas.

Un ano máis, a Aula da Natureza ofreceu aos nenos e nenas de Ames unha alternativa para desfrutar do Nadal a través dun campamento na natureza. Nel 25 rapaces desfrutaron de tres días de actividades e obradoiros relacionados co Nadal e o medio ambiente, ademais de achegarse a unha forma de vida menos consumista aprendendo a empregar obxectos da natureza.

A comezos de ano o Concello de Ames realizou unha intervención na Carballeira de Paramuíño, na parroquia de Biduído, para poñer en valor a flora e fauna deste lugar. Dita carballeira atópase nas inmediacións do CEP de Ventín e do campo de fútbol de Biduído. A través da intervención realizada neste lugar colocáronse varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta macaón, donosiña, curuxa, píntega e peto real). Tamén se recrearon os seres das nosos contos e lendas, como trasgos ou damas. Agora déuselle continuidade a dito proxecto coa incorporación de cinco novas figuras (unha xeneta, bubela, víbora, avelaíña e xoaniña). Está previsto que de cara ao vindeiro ano se sigan colocando novas figuras. A través desta actuación trátase de poñer en valor este lugar e dalo a coñecer entre a veciñanza amesá. A recreación feita na carballeira correu a cargo da empresa amesá Escenoset. As figuras foron colocadas por persoal de Escenoset e do Concello de Ames.
- ‹ anterior
- 11 de 29
- seguinte ›




