Actualidade

Ex., 21-07-2026
Ex., 21-07-2026
Mércores, 22 de abril de 2026
Alumnado de oito institutos participa este sábado, 25 de abril, en Bertamiráns na final do Club de Debate Alingua 2026

Chegou o momento de descubrir os máis hábiles oradores dos centros educativos galegos. Será na gran final do Club de Debate Alingua 2026, competición que finaliza este sábado, 25 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns, no concello de Ames. Alí, entre as 10:20 e 14:00 horas durante a mañá, e entre as 15:45 e as 18:45 h, durante a tarde, irán pasando polo escenario da competición todos os equipos clasificados nas fases previas. O alumnado do IES do Milladoiro defenderá a opción en contra ás 12.25h contra o Grupo Nós – CPR Santiago Apóstol (Narón); e a opción a favor ás 17.15 horas contra o IES Terra de Xallas 2 (Santa Comba).

Luns, 20 de abril de 2026
Aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación Xuño Lúdico 2026

Desde hoxe, 20 de abril, e ata o 4 de maio de 2026 está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación Xuño Lúdico, que este ano se desenvolverá do 22 ao 30 de xuño. Poderán participar aquelas familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Mércores, 08 de abril de 2026
O IES do Milladoiro conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano

O alumnado do IES do Milladoiro conmemorou esta mañá do 8 de abril o Día Internacional do Pobo Xitano. Durante esta xornada elaborouse de maneira conxunta entre os alumnos e alumnas de 1º ESO un mural conmemorativo, amais dunha gala no auditorio do Milladoiro, na que se expuxeron diversos traballos realizados por cada aula, se leu un manifesto e se desenvolveu un obradoiro de palmas. O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, estiveron presentes en dita gala.

Mércores, 01 de abril de 2026
Máis de 90 rapaces e rapazas participan no programa municipal de conciliación Primavera Lúdica 2026

Este pasado luns, 30 de marzo, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 94 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro 6 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor. 

Luns, 30 de marzo de 2026
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos campamentos municipais de verán 2026

O Concello de Ames publicou a semana pasada o programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 450 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes repartidos por diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades desenvolveranse dende o 21 de xuño ata o 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 30 de marzo ao 13 de abril. As inscricións poderanse tramitar a través da Sede electrónica, no catálogo de trámites: Campamentos 2026. Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.

Mércores, 25 de marzo de 2026
O 1 de abril abre o prazo de solicitude de praza nas escolas infantís municipais para o curso 2026-2027

Desde o próximo mércores, 1 de abril, estará aberto o prazo de solicitude de praza para o curso 2026-2027 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro). As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 15 de abril. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 15 de xuño. A documentación que hai que presentar para solicitar praza pode descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

Xoves, 19 de marzo de 2026
O Concello de Ames amosa o modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas na facultade de Dereito da USC

A concelleira de Educación, Beatriz Martínez, participou onte na facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, nun relatorio sobre o modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas. Este encontro foi solicitado pola profesora María Teresa Carballeira Rivera, e tivo como oíntes aos alumnos e alumnas de dita facultade. O alcalde, Blas García, xa tivera ocasión de expoñer este servizo municipal no mes de novembro en Valencia, no I Encontro de Comedores Escolares.

Sábado, 28 de febreiro de 2026
O 1 de marzo abre o prazo para a renovación ou preinscrición de praza nos servizos complementarios de educación e conciliación

O Concello de Ames abre do 1 ao 31 de marzo o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o vindeiro curso 2026-2027, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.

Sábado, 21 de febreiro de 2026
O IES do Milladoiro acolle a presentación do número 93 da Revista Galega de Educación que se centra nas radios escolares

A publicación, editada por Nova Escola Galega, será presentada este luns, 23 de febreiro, ás 16.30 horas, no IES do Milladoiro, onde existe unha activa emisora escolar chamada “MillaFalaDoiro”. En Galicia existen experiencias de radio escolar desde hai décadas, pero nos últimos anos cada vez son máis comúns. Trátase dunha importante ferramenta didáctica, coa que se cultivan o traballo en equipo ou a reflexión sobre os asuntos máis variados, ao tempo que desenvolven as habilidades lingüísticas. Os recursos técnicos, cada vez máis accesibles, permiten que facer radio sexa posible dun xeito sinxelo e práctico na actualidade. 

Martes, 17 de febreiro de 2026
As escolas infantís municipais A Madalena e O Bosque celebraron as festas de Entroido

As escolas infantís municipais A Madalena, no Milladoiro, e O Bosque, en Bertamiráns, celebraron o pasado venres, 13 de febreiro, as súas respectivas festas de Entroido. Este ano na escola infantil da Madalena escolleron a temática de culturas antigas para disfrazarse de trogloditas, exipcios, romanos, viquingos, incas e cabaleiros medievais. Na escola infantil do Bosque escolleron a temática hippie.