Pestanas principais

O IES do Milladoiro presenta o Mapa Interactivo da Regueifa, o II Campus de Regueifa e a II Semana Intercultural

Venres, 08 de maio de 2026

Este venres, 8 de maio, tivo lugar na Biblioteca do IES do Milladoiro unha rolda de prensa na que se presentaron dúas iniciativas innovadoras arredor da regueifa, impulsadas coa participación activa do alumnado do centro e a Deputación da Coruña. Ademais, foi presentada a segunda edición da Semana Intercultural que reunirá alumnado, artistas e entidades sociais do 11 ao 13 de maio nunha programación que celebra a diversidade como motor educativo e culminará cunha gala, un concerto de clausura e un xantar solidario aberto a toda a comunidade educativa.

Esta mañá deuse a coñecer o M.I.R. (Mapa Interactivo da Regueifa), unha proposta didáctica que aborda esta tradición oral desde unha perspectiva contemporánea. O proxecto materialízase nun repositorio dixital accesible que reúne contidos audiovisuais e textuais sobre a regueifa tradicional e actual, co obxectivo de contribuír á súa conservación, difusión e aprendizaxe. 

Ademais, o IES do Milladoiro está inmerso na celebración da segunda edición do Campus de Regueifa, que se vai a desenvolver hoxe venres 8, o sábado 9 e o domingo 10 de maio no propio instituto. O campus comezará hoxe ás 17.30 horas coa recepción das persoas participantes. Premendo nesta ligazón podes consultar o programa completo de dito campus.

Este encontro reunirá arredor de 50 regueifeiras e regueifeiros adolescentes, xunto con profesorado implicado, nun espazo de convivencia e formación que combinará obradoiros, palestras, actividades lúdicas e a creación dun espectáculo colectivo aberto á comunidade. 

O campus busca consolidarse como unha actividade anual itinerante, fortalecendo a rede de centros educativos que traballan a regueifa e promovendo o uso activo da lingua galega entre a mocidade. Ademais, pretende fomentar valores como a igualdade, o respecto e o pensamento crítico, ao tempo que explora novas conexións entre tradición e creación contemporánea. 

Esta iniciativa está organizada pola área de Lingua da Deputación de Coruña en colaboración co Proxecto Regueifesta, o IES do Milladoiro e a Asociación Oral de Galicia. Estas propostas combinan tradición, innovación e compromiso coa lingua e a cultura galegas.

Semana Intercultural: Somos Diferentes, Somos Referentes
Por outra banda, o IES do Milladoiro celebra a súa II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”. Do 11 ao 13 de maio, o IES do Milladoiro converterase nun espazo de encontro, celebración e reflexión arredor da diversidade cultural e da convivencia coa celebración da súa II Semana Intercultural. Tras o éxito da primeira edición, o centro consolida esta iniciativa como unha proposta educativa que pon en valor a pluralidade como fonte de riqueza colectiva, promovendo unha narrativa positiva e integradora a nivel educativo e comunitario. 

Durante tres días, o centro ofrecerá unha ampla programación cultural e educativa na que participarán artistas e profesionais como Mondra, Guadi Galego, De Vacas, Xavi Lozano ou Mekanika Rolling Band, xunto con entidades como a ONCE e ACOUGO. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Concello de Ames, de Augas de Ames e da ANPA do centro, así como coa implicación activa de familias, nais e pais e de diferentes persoas da comunidade educativa.

A programación abrangue múltiples disciplinas como o teatro, a música, as artes visuais, a danza, o audiovisual, a ciencia ou a gastronomía. Entre as actividades destacan as danzas do mundo, exposicións artísticas e fotográficas realizadas polo propio alumnado, obradoiros creativos, experiencias científicas e faladoiros interculturais, favorecendo o diálogo e a reflexión compartida. Inclúense tamén obradoiros de serigrafía e modelado en barro, así como espazos de reflexión sobre a discapacidade vista desde dentro e sobre as familias de acollida, ademais de actividades como roteiros e gymkanas orientadas a fomentar a convivencia e a cohesión entre o alumnado, ampliando así as propostas de participación e aprendizaxe vivencial.

O desenvolvemento da Semana Intercultural implica de maneira directa a diferentes estruturas e equipos do centro, como o Club de Ciencia, a radio escolar, os equipos de dinamización lingüística, igualdade e convivencia, a biblioteca escolar, os Equipos de Axuda e o proxecto “A Tribo” de Agareso, que contribúen a dinamizar as actividades e a dar voz ás experiencias do alumnado.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "O IES do Milladoiro reivindica a regueifa: "Fainos rir e pensar ao mesmo tempo""

O IES do Milladoiro presenta o Mapa Interactivo da Regueifa e o II Campus de Regueifa

Multimedia

  • O IES do Milladoiro presenta o Mapa Interactivo da Regueifa e o II Campus de Regueifa
  • O IES do Milladoiro presenta o Mapa Interactivo da Regueifa e o II Campus de Regueifa
  • O IES do Milladoiro presenta o Mapa Interactivo da Regueifa, o II Campus de Regueifa e a II Semana Intercultural