Actualidade

Ex., 27-10-2026
Ex., 27-10-2026
Domingo, 18 de outubro de 2026
Ames participará no seminario Educar e Participar para transformar o vindeiro xoves 22 de outubro, cunha xornada centrada no tecido asociativo galego

O Concello de Ames súmase ao Seminario Educar e Participar para transformar, que se vai a celebrar os días 20, 21 e 22 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e nos concellos de Vedra e Ames. Esta iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela busca achegar ás persoas coñecementos, referencias e habilidades na acción comunitaria mediante a visibilización de experiencias de participación social no sector asociativo local de Galicia. A actividade en Ames terá lugar o vindeiro xoves, 22 de outubro, de 16.00 a 20.00 horas. A inscrición pode realizarse a través dun formulario premendo nesta ligazón.

Martes, 13 de outubro de 2026
Aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación Nadal Lúdico 2026

Desde hoxe, martes día 13, e ata o vindeiro 27 de outubro de 2026, está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación Nadal Lúdico, que se desenvolverá os días 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro, e os días 4, 5 e 7 de xaneiro de 2027. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Luns, 05 de outubro de 2026
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a exposición «Mirar a través doutros ollos»

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este martes, 6 de outubro, ás 19.30 horas, a inauguración da exposición de fotografía «Mirar a través doutros ollos». A mostra recolle unha selección dos traballos fotográficos realizados polo alumnado de Expresión Artística de 4º da ESO do IES do Milladoiro durante o curso 2025-2026. As fotografías estarán expostas no primeiro andar da Casa da Cultura. Está organizada polo IES do Milaldoiro e colabora o Concello de Ames.

Mércores, 09 de setembro de 2026
3.800 alumnos/as de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional inician o curso escolar en Ames

Esta maña comezou o curso escolar 2026-2027 nos centros escolares de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de Ames. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 3.794 nenos/as e mozos/as que cursarán estudos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Ademais, ao longo da xornada de hoxe comezaron a funcionar os servizos complementarios de educación e conciliación (Bos días cole, Comedores escolares e Tardes divertidas), que contan cun total e 1.816 alumnos/as inscritos de educación infantil e primaria.

Martes, 11 de agosto de 2026
Case 200 nenos e nenas están a participar na Escola de Verán nesta primeira quincena de agosto

Este pasado 1 de agosto daba comezo unha nova quincena da Escola de Verán, unha das actividades de conciliación máis clásicas durante a época estival, e que este ano se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante este período, participan un total de 191 nenos e nenas no programa, 28 máis que na edición anterior nestas datas. A programación durante esta segunda quincena de xullo ten como eixo central a igualdade. 

Martes, 04 de agosto de 2026
O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou esta mañá, xunto co alcalde de Ames, Blas García, o avance das obras de construción do novo Colexio Gerardo Fernández Albor, no Milladoiro. Neste momento os traballos avanzan a bo ritmo e segundo o previsto, aproveitando o verán para intensificar o ritmo nas actuacións exteriores. Así as cousas, a previsión é que as obras, que está a executar o Grupo Puentes, estean rematadas antes de setembro de 2027 e o centro, por tanto, abra as súas portas para o curso 2027/28.

Venres, 10 de xullo de 2026
Ames expón o seu modelo na xornada "O futuro dos comedores escolares: alimentación, saúde e sostibilidade"

O alcalde de Ames, Blas García, participou hoxe na xornada "O futuro dos comedores escolares: alimentación, saúde e sostibilidade", que se realizou, en horario de mañá, na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, co patrocinio da Consellería do Mar. Esta iniciativa estivo organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Confederación ConsumES. O rexedor amesán participou xunto a Sandra Sánchez, representante de Ausolán, na mesa de “Xestores de alimentación. Modelos de prestación do servizo de comedores”. Esta mesa de debate estivo moderada por José Miñones, presidente de Mercasa.

Mércores, 01 de xullo de 2026
Aberto o prazo de inscrición no programa de conciliación Setembro Lúdico 2026

Desde hoxe, 1 de xullo, ata o vindeiro día 15, está aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Setembro lúdico 2026, que este ano se desenvolverá os días 1, 2, 3, 4, 7 e 8 de setembro. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e educación primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Mércores, 24 de xuño de 2026
160 nenas e nenos amesáns gozan do programa de conciliación Xuño Lúdico

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 22 e o 30 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 160 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 72 no CEIP da Maía, de Bertamiráns (dos cales 38 son de infantil e 34 de primaria); 58 no EEI Milladoiro; e 80 no CEP de Ventín.

Xoves, 18 de xuño de 2026
O alumnado da Rede municipal de comedores escolares pecha o curso xantando hamburguesa e xeado artesán de vainilla

As nenas e nenos usuarias da Rede municipal de comedores escolares xantaron hoxe hamburguesa, de segundo prato, e xeado artesán de vainilla, de sobremesa, un menú elixido previamente nas eleccións feitas o pasado 4 de xuño. Nesta ocasión, por quinto ano consecutivo, impúxose a hamburguesa. O primeiro prato, puré de verduras, foi escollido pola nutricionista municipal. Este foi o vixésimo primeiro ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares.